A Deputación de Lugo formou ao persoal dos concellos en Sistemas de Información Xeográfica

xoves, 3 de xuño do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo formou esta tempada ao persoal dos concellos da provincia en Sistemas de Información Xeográfica, SIX. Fíxoo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, cun curso que entre outras cousas pon o foco no funcionamento do programa Quantum GIS.
A cuarta edición do Curso SIX, celebrado dende o día 18 de maio até este 3 de xuño, estivo orientado á Xestión Técnica na Administración Local. Abeirouse ao convenio que a institución provincial ten que a USC para a realización da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL),
Formáronse unha vintena de técnicos e persoal administrativo que, de carácter habitual ou ocasional, necesitan obter información de mapas ou xeolocalizar lugares. Así, este curso achegou aos participantes ás tecnoloxías máis avanzadas no uso e tratamento da información territorial. Do mesmo modo, explica a entidade provincial, “o fomento desta aplicación permitirá difundir os recursos cartográficos existentes en Internet e na Deputación ou establecer liñas de comunicación máis áxiles e eficaces para o intercambio de información”.
O curso desenvolveuse en formato en liña e foi impartido por técnicos da Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE