A Deputación de Lugo fomentará o envellecemento activo no rural con formación TIC

venres, 19 de xaneiro do 2024 S. P.

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha o programa Xunt@s, de actividades gratuítas, de lecer e formativas para contribuír ao envellecemento activo no rural, “para enriquecer a oferta de ocio e cultural dos pequenos concellos e, polo tanto, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, un factor determinante para fixar poboación no territorio”, en palabras da voceira socialista, Pilar García Porto. Unha parte significativa das actividades previstas xirarán arredor das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
García Porto anunciou que esta iniciativa, á que a Deputación destina un total de 91.000€ e que está organizada da man dos concellos, consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata a primavera por toda a provincia, e que “teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías”.
Explicou García Porto que este xoves 18 pola tarde tivo lugar a primeira destas actividades do programa Xunt@s, en Pedrafita do Cebreiro, e para este mes están previstas outras 13 xornadas, nos concellos de Trabada, Antas de Ulla, Taboada, Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada e Guitiriz.
“Este tipo de actividades fomentan a interacción da xente e contribúen a fortalecer os lazos da comunidade”, valorou a Deputada, para quen “a propia temática das xornadas favorecerá os hábitos de vida saudadábel, a práctica de actividade física, educar en prevención ou romper a brecha dixital integrando as novas tecnoloxías na vida diaria da xente”.

PUBLICIDADE