A Deputación de Lugo fai un chamamento aos Concellos para unírense ao Portal de Transparencia

venres, 11 de decembro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo vén de facer un chamamento dirixido aos Concellos da provincia para que participen no seu Portal de Transparencia. O convite veu da man do deputado de Innovación e TIC, Pablo Rivera, que engadiu que a incorporación ao portal poría aos Gobernos locais en situación de “ir alén da Lei”, ou sexa da normativa 19/2013 que entrou en vigor esta mesma semana. A web en cuestión, engadiu, é unha ferramenta coa que se busca fomentar ao máximo a transparencia da actividade pública, “garantindo o acceso á información e determinando as obrigas do bo goberno das entidades locais”. Rivera lembrou que arestora xa son 55 os municipios adheridos á iniciativa e que, a día de hoxe, “o portal é pioneiro entre as deputacións de España por ir máis alá da normativa e acubillar información a maiores da que se esixe na Lei”. Por exemplo en aspectos como Open Data ou información urbanística.
Riveira engadiu que “o Portal de Transparencia é unha ferramenta viva, na que se irá publicando de xeito paulatino información actualizada sobre a Deputación e os seus proxectos, é dicir, un portal en continua actualización, máis completo e eficaz que o que presenta o Ministerio”. Con esta iniciativa, apuntou, “facemos un cambio total e absoluto do funcionamento das administracións públicas, establecendo un antes e un despois no que a publicidade de información se refire”.
A iniciativa, como lembraremos, está dotada con máis de 1 millón de euros. Deles, sinalou o deputado, menos da metade destináronse á posta en marcha do portal. Co orzamento en total “garántese o mantemento e funcionamento da web durante a vindeira década”, engadiu, explicando que o investimento tamén serviu, entre outras cousas, para facer un estudo que dese forma “a un modelo de web eficaz e eficiente”. A ferramenta, dixo, servirá como fonte para elaborar os orzamentos participativos do 2017, “pois tiraremos partido dela para que os veciños e veciñas da provincia nos axuden a priorizar os investimentos do presuposto provincial”.

PUBLICIDADE