A Deputación de Lugo emite nas redes sociais contidos para mellorar a nosa educación ambiental

luns, 14 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo comeza este pasado sábado as emisións en Youtube das actividades de educación ambiental organizadas pola institución no marco do traballo de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Na iniciativa colaboran a área provincial de Medio Ambiente e o Servizo de Audiovisuais da Deputación, que se ocupa de gravar as distintas actividades da programación. A actividade de arrinque é un obradoiro de produción e cultivo de plantas ornamentais, que xa se pode visualizar xa a través da dita rede social.
Ao longo deste mes, a Deputación organizará outros tres obradoiros de medio ambiente: O Consumo Responsábel e Actividades Tradicionais; Científic@s por un Día e A Calidade do Aire. As datas e as ligazóns aos vídeos destas actividades publicaranse na área de Medio Ambiente da web da Deputación de Lugo. As persoas interesadas en recibir información sobre estes cursos poden inscribirse nunha listaxe de correo na web da institución provincial.
A entidade lucense explicou “que co fin de favorecer a sensibilización medioambiental, os vídeos gravados das actividades estarán dispoñíbeis en Internet durante tres meses para que calquera persoa poida acceder de xeito libre ao contido”.
Con esta iniciativa, a institución quere facer medrar a cifra de persoas que acceden aos seus contidos formativos sobre protección e coidado do medio ambiente, impartidos no Centro de Interpretación situado no paseo do Rato para divulgar os valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Por mor da actual situación de crise sanitaria, estes obradoiros presenciais tiveron que ser cancelados ou restrinxidos a un número reducido de persoas para minimizar o risco de contaxio por coronavirus.

PUBLICIDADE