A Deputación de Lugo e o CB Breogán visualizan na Rede o labor da Cruz Vermella

mércores, 14 de novembro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo e o CB Breogán están a pechar fileiras arredor da Cruz Vermella: mostrando o seu importante labor social, humanitario e solidario e, sobre todo, buscando novos apoios para seguir impulsando este labor. Con este motivo, Deputación e Breogán comprometéronse para que o vindeiro partido do club sexa adicado a pór en valor o traballo da organización. Estes apoios vanse materializar, tamén, en cuñas, pezas audovisuais e informacións a difundir nos espazos en liña das ditas entidades, sendo o foco principal de contidos a web do club celeste, www.cbbreogan.com, e as redes sociais nas que ten presenza.
A iniciativa foi presentada hoxe polo deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luís Abelleira Mayor e o director deportivo do CB Breogán, Enrique Fernández Fraga. Trátase, segundo fixeron saber, “dunha unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación”.
Nun plano máis concreto, a iniciativa consistirá nun partido (o deste domingo) cun importante compoñente solidario. “Queremos aproveitar esta cita deportiva como un medio de activación social, para sensibilizar aos milleiros de seareiros que seguirán o encontro e comprometelos no importante labor humanitario que esta organización realiza na nosa provincia”, sinalou López Izquierdo, engadindo que “dende o Executivo provincial consideramos que a acción solidaria desta ONG é fundamental para ter unha sociedade máis xusta e inclusiva, e para protexer e axudar ás persoas máis vulnerábeis”.
Durante o encontro que o CB Breogán disputará o domingo, ás 16:00 horas, no Pazo dos Deportes contra o Tecnyconta Zaragoza, difundiranse cuñas e spots para mostrar á sociedade lucense e galega o labor da organización, que terá tamén á súa disposición as instalacións do edificio para instalar puntos de información.
Como dixemos, desde hoxe e ao longo de toda a semana, o club celeste adicará un recanto dixital específico na súa web oficial para promover entre os afeccionados os distintos programas nos que traballa Cruz Vermella.

PUBLICIDADE