A Deputación de Lugo e a UNED impulsarán a actividade dixital das asociacións

mércores, 24 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo vai seguir colaborando coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) co obxectivo de impulsar a actividade cultural na provincia a través das novas ferramentas tecnolóxicas. Así o fixo saber o voceiro do Goberno, Álvaro Santos, nunha xuntanza celebrada coa comunidade educativa (alumnado e profesorado) da UNED, nas súas novas instalacións no antigo Hotel Miño (financiado precisamente pola entidade provincial con 2 millóns de euros). A renovación do apoio da Deputación vén con 25.000 euros de contribución. Esta contía permitirá a continuidade do proxecto Cultura Dixital.
Segundo fixo saber Álvaro Santos, a iniciativa de comunicación Cultura Dixital busca promover a actividade do tecido asociativo do conxunto do territorio lugués, a través dunha páxina web, www.lugoculturadixital.es, e das redes sociais. Na visita do deputado, este estivo acompañado do voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e da directora do centro asociado desta institución en Lugo, Ana Traseira Pena.
Santos Ramos explicou que “decidimos anovar a nosa colaboración coa UNED por tratarse dun proxecto co que se dá maior visibilidade ás programacións e actividades organizadas por todas as asociacións e colectivos culturais existentes da provincia de Lugo a través do sitio en liña www.lugoculturadixital.es, así como das súas redes sociais”. O voceiro engadiu que a Deputación, a UNED e as asociacións culturais están a xuntar forzas para “crear un capital cultural territorial dixitalizado, dispoñíbel para os cidadáns a través dos medios de comunicación 2.0”. E engadiu: “Buscamos seguir impulsando o desenvolvemento cultural lucense, achegando á cidadanía o labor destes colectivos, o que representa, ademais, unha oportunidade única pois ampliase o público potencial ao ámbito universitario, o que permite chegar a máis xente”.
Traseira Pena subliñou que a través desta colaboración entre a Deputación e a UNED “poñemos en valor a enorme labor do tecido asociativo da provincia de Lugo, que posúe e ofrece á cidadanía un amplo catálogo cultural. É o noso deber, polo tanto, promovela e difundila”.
O proxecto Cultura Dixital é unha iniciativa que conta cun total de 76 entidades culturais asociadas que, a través das súas presenzas en liña (a páxina www.lugoculturadixital.es e os sitios de seu nas redes sociais Twitter e Facebook), promove a súa actividades con publicacións de difusión da súa actividade cultural, a recompilación dos seus datos principais e a promoción de informacións de índole cultural que teñan un interese xeral para a poboación.

PUBLICIDADE