A Deputación de Lugo e a Federación de Comercio lanzan unha plataforma para levar os produtos locais a todo o mundo

martes, 2 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación e o Concello de Lugo e a Federación Galega de Comercio presentaron hoxe en Lugo, no pazo provincial de San Marcos, a plataforma dixital Sicomercio.es, dispoñíbel e activa en www.sicomercio.es. Segundo se fixo saber, trátase dunha nova aplicación de xestión e venta online desenvolvida por lucenses e orientada aos comerciantes da provincia. A plataforma foi impulsada polo Goberno provincial e a Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Federación de Lugo e Comerciogalicia. Na presentación participaron Álvaro Santos Ramos (Deputación), Lara Méndez (alcaldesa) e José María Seijas (presidente da federación), xunto a representantes de pequenos e medianos establecementos locais.
Segundo engadiron, SiComercio.es é unha ferramenta dixital que nace “para facilitar a xestión dos negocios aos comerciantes lucenses e fomentar a venda a través de Internet”, poñendo en xogo recursos avanzados de comunicación e mercadotecnia que lles permitirán levar os seus produtos e servizos a clientes potenciais de todos os recantos do mundo. En termos máis concretos, a aplicación posibilitaralles cousas como integrar e xestionar os principais marketplaces, como Amazon ou eBay, nunha soa plataforma. Tamén lles permitirá controlar o stock de produtos dun establecemento en todo momento ou manexar información e estatísticas en tempo real sobre a evolución dos prezos de mercado, volume de ventas por categoría de produto, etcétera.
O custe do novo software foi asumido polo Executivo provincial, durante dous anos e cunha contía de 60.000 euros. Este orzamento adicarase á creación e lanzamento da plataforma, a súa posta en marcha e integración nos establecementos. Tamén se destinará a ofrecer formación de balde aos comerciantes e permitir a mellora continua da aplicación, adaptando esta ferramenta á tipoloxía de cada negocio.
Santos Ramos subliñou que “estamos moi satisfeitos de presentar esta nova aplicación, que vai marcar un antes e un despois para o comercio lucense, pois permitirá, dun xeito moi sinxelo e accesíbel a todos os interesados, con independencia dos seus coñecementos do mundo dixital, chegar cos seus produtos a millóns de potenciais clientes”. Santos tamén salientou a súa satisfacción polo feito de que a plataforma fose desenvolvida por profesionais lucenses, “o que dá boa conta do talento que hai na provincia”.
O voceiro provincial puntualizou que se trata dun “sistema pioneiro en España, de doado emprego e integración nos establecementos, que permitirá aos comerciantes da provincia vender onde e como queiran”. E engadiu: “Queremos dar un paso máis na necesaria dixitalización e modernización do comercio lucense e, sen dúbida, esta plataforma contribuirá a acadar este obxectivo que compartimos dende a Federación e o Goberno da Deputación”.
Pola súa parte, Seijas apuntou que “abrir novas canles e chegar a milleiros de novos clientes implica maior xestión: múltiples stocks, diferentes prezos, loxística, etc”; uns procesos para os que a maioría de negocios non conta con recursos suficientes para seren afrontados”. Por este motivo, intentouse crear unha ferramenta que fose de utilidade e que permitise “optimizar a xestión, evitando custos adicionais innecesarios”. O presidente da FGC engadiu que “para ser competitivo hai que levar un control minucioso do negocio: coñecer a rendibilidade de cada unha das canles, saber que produtos se venden mellor en cada canle, que produtos son de meirande rendibilidade, que referencias poderías vender e non estás a vender... en definitiva, dispoñer de información en tempo real sobre o negocio que axude a tomar decisións de forma áxil”.
Co obxectivo de dar resposta a todas estas cuestións, SiComercio.es permitirá integrar o mundo offline e online, contando con información actualizada relativa á evolución dos prezos, produtos máis vendidos, stocks ou volume de negocio por canle de venta (tenda física e os diferentes mercados en liña), ou mesmo descubrir novos produtos, coñecendo á competencia.
A Deputación e a Federación lembraron tamén que as firmas interesadas poden rexistrarse de balde xa na plataforma (www.sicomercio.es). Nesta primeira fase de lanzamento do servizo haberá 50 prazas á súa disposición. Para máis información pode contactarse a través do teléfono 982 255 120 ou ben no correo electrónico fgc@comerciogalicia.es.

PUBLICIDADE