A Deputación de Lugo e a EOI volven xuntar forzas para apoiar a transformación de pemes, mocidade e desempregados

venres, 21 de abril do 2023 S. P.


O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), Juan Ignacio Díaz Bidart, mantiveron este venres 21 unha xuntanza para facer balance das actuacións conxuntas de apoio a autónomos, pemes, mozos e desempregados da provincia e para sentar os alicerces de novas colaboracións.
Os programas iniciaron a súa andadura en outubro de 2021 e supoñen un investimento de 4 millóns de euros para a formación de profesionais, o apoio a pequenas e medianas empresas e o impulso de emprego na provincia de Lugo. Estes acordos contemplaban desenvolver polo menos 74 accións formativas en materia de transformación dixital e sen costo para os seus participantes para atender a máis de 1.600 pemes e persoas nos seus diferentes programas.
Segundo fixeron saber, até o día de hoxe formouse a máis de 1.400 alumnos en 70 programas, e están en promoción os últimos tres programas de pemes e autónomos en Desesenvolvemento de Negocio Dixital, Google Analytics vs Google Metatags e Fidelización de cliente.
Nas vindeiras semanas lanzaranse os últimos oito programas para mozos desempregados en ámbitos como Calidade alimentaria en industria agroalimentaria, Community manager e marketing dixital avanzado e Persoal técnico para a dixitalización de pemes, entre outros. Todos eles con inicio das formacións en maio e finalización en xuño, data na que rematan os convenios asinados.
O orzamento destas accións supuxo 4.112.207€, achegados nun 85,9% pola EOI a través do Fondo Social Europeo, e nun 14,1% pola Deputación de Lugo.
Os tres ámbitos de actuación concrétanse da seguinte forma:
O primeiro dos convenios puxo en marcha a iniciativa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que consta de 32 accións de formación en transformación tecnolóxica para empresas e persoas autónomas, permite mellorar o tecido produtivo mediante a súa diversificación e modernización organizativa e tecnolóxica, impulsando a sociedade do coñecemento e dando valor á cualificación dos recursos humanos. As persoas destinatarias das accións formativas foron aquelas que realizaban unha actividade profesional por conta propia, e persoal técnico ou directivo de pemes situadas na provincia de Lugo. A través destas accións vaise chegar a apoiar a unhas 640 pemes e negocios autónomos.
Cada un destes programas desenvólvese durante un período de entre 6 e 8 semanas, constando todos dunha parte lectiva en grupos de 80 horas de formación, máis 35 horas de titorías individualizadas, co obxectivo de que as empresas involucradas melloren o seu posicionamento competitivo a través de diferentes liñas de traballo, como poden ser a internacionalización, a introdución de tecnoloxía, a innovación en produto, servizo ou modelo de negocio a través de cursos de transformación dixital para pemes, a mellora e innovación na xestión e cursos de asesoramento empresarial.
“Grazas a estes programas”, informaron as dúas entidades, “as empresas lucenses, de xeito gratuíto, puideron xerar unha renovación no seu negocio, un escaparate dixital en moitas delas, tendo un alcance xeográfico de toda a provincia, ademais de poder chegar a maiores colectivos de poboación e que, de facelo pola súa conta, suporía un custo que moitas delas non poderían asumir”.
O segundo dos convenios desenvolveu mediante 11 accións a formación en novas profesións e dixitalización para persoas desempregadas de longa duración na provincia de Lugo. A formación específica orientouse cara a renovación xeracional no sector vitivinícola, á atención sociosanitaria de persoas dependentes ou a sectores como a loxística. A través destas accións, apóiase a máis de 180 persoas destes ámbitos, impulsando a súa transformación profesional e reducindo a fenda competencial entre oferta e demanda do mercado laboral.
E, por último, o terceiro dos convenios activou o programa Reiníciate. Enfoca o teu futuro, que está permitindo desenvolver 38 programas formativos para o fomento do emprego para mozos e mozas desempregados de 16 a 29 anos e rexistrados no Sistema de Garantía Xuvenil, nos que participaron preto de 800 persoas. Ademais, este programa facilitou a inserción laboral de, polo menos, 115 dos alumnos participantes. Adicionalmente, este último convenio concedeu 37 axudas a empresas para que os mozos formados poidan realizar prácticas non laborais en empresas durante tres meses. Ata xuño de 2023 continúanse desenvolvendo as actuacións.

PUBLICIDADE