A Deputación de Lugo e a EOI favorecerán a transformación tecnolóxica de 775 pemes e persoas autónomas

xoves, 17 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo vai dar novos pasos en materia de emprego e transformación tecnolóxica a nivel provincial en todos os concellos. Así o fixo saber o presidente da entidade, José Tomé Roca, quen asinou tres convenios con Raúl Blanco (secretario xeral de Industria e da PEME do Goberno de España e presidente da Escola de Organización Industrial) permitirán á institución provincial contar cun investimento extra de máis de 4M€, procedentes de fondos europeos, para reforzar as políticas de emprego na provincia.
A formalización do triplo acordo coa EOI, que se realizou de maneira telemática, contou tamén coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e da directora xeral da Fundación EOI, Nieves Olivera.
Os proxectos promovidos por ambas institucións a través deste acordos contan cun orzamento de 4.112.207€, achegados nun 85,4% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo e o 14,1% pola Deputación de Lugo.
As accións están dirixidas a 775 pemes e autónomos, 250 parados de longa duración e 600 mozos e mozas, e o seu obxectivo é a reactivación e o apoio aos sectores e colectivos sociais máis afectados pola crise económica derivada da COVID-19.
Un dos convenios asinados pola Deputación de Lugo e a EOI busca evitar que se agrande a fenda dixital e axudar a que o tecido produtivo aproveite as oportunidades que ofrecen as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. “Con este acordo conseguiremos que, polo menos 775 pemes e autónomos da provincia de Lugo diversifiquen e modernicen a organización da súa empresa, e tamén tecnoloxicamente”, asegurou Tomé Roca.
O presidente avanzou que dentro do apoio aos colectivos vulnerábeis, a través do segundo convenio, “formaremos a máis de 250 persoas desempregadas de longa duración en sectores con gran potencialidade de emprego na provincia, como son a atención sociosanitaria a dependentes e a renovación xeracional no sector vitivinícola”.
Ao abeiro do terceiro convenio, tentarase facilitar que a mocidade que non atopa emprego na súa terra poida asentar “o seu proxecto de vida”. Asi, máis de 600 mozos participarán en programas de adaptación e fomento do emprego, podendo realizar prácticas non laborais en empresas da provincia, en especial, en entidades do terceiro sector”, explicou o mandatario provincial.

PUBLICIDADE