A Deputación de Lugo e Manuel Campo Vidal achegaron formación dixital para loitar contra o despoboamento

venres, 22 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Lugo acolleu este xoves 21 de decembro a conferencia A Esperanza de Recuperar a España Rural, no que participou o xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal, achegando o colofón so curso Especialista en Territorio Rural Intelixente, promovido pola institución provincial para proporcionar aos axentes económicos e sociais máis ferramentas (boa parte delas tecnolóxicas) para fixar poboación no territorio.
A conferencia foi inaugurada polo presidente da Deputación, José Tomé, quen sinalou que “fronte ás declaracións baleiras de quen prometía lexislaturas do rural, na Deputación traballamos sempre por este amplo territorio, centrando os nosos esforzos en acercar os servizos públicos aos veciños e en fomentar a economía e o emprego, contando cos concellos, co tecido produtivo e coa Universidade. Estas, e non outras, son as claves”.
Segundo lembrou, a acción formativa Especialista en Territorio Rural Intelixente é a única desta temática que existe hoxe na oferta educativa. Foi quen de cubrir as 75 prazas dispoñíbeis e abordou materias como organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación, “deseñadas para ter un impacto práctico concreto sobre o terreo”.
O curso encadrouse na cátedra sobre reto demográfico que preside Campo Vidal. A acción formativa cubriu as 75 prazas dispoñíbeis e abordou dende mediados de novembro materias como organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación, facilitando “o acceso de empregados públicos, axentes sociais e público en xeral a contidos e reflexións pensadas dende coñecemento e deseñadas para ter un impacto práctico concreto sobre o terreo”, explicou o presidente da Deputación.
O mandatario provincial agradeceu a Campo Vidal o seu interese “polo desenvolvemento do rural e o seu papel como altofalante desa España con menor densidade de poboación que non sempre chega ás noticias e, cando o fai, non chega co ton positivo que convén, tanto á súa realidade, como ás súas posibilidades”.
Este curso tivo unha duración de 20 horas, distribuídas na xornada presencial que impartiu esta tarde Manuel Campo Vidal na Deputación, e clases en liña. Contou con 9 bloques temáticos, entre eles, as claves da transformación dixital, o equilibrio territorial ou o turismo rural como factor de desenvolvemento.

PUBLICIDADE