A Deputación de Lugo e AGESTIC apostan por unha formación TIC transversal e integral
mércores, 11 de maio do 2016
A
Deputación de Lugo segue adiante coas súas xuntanzas destinadas a
definir as novas accións formativas do
programa de emprego LugoWork, xuntanzas con entidades
empresariais con presenza na provincia e con orixe en diferentes
sectores e ámbitos de acción. Se
os días pasados falamos dende Código Cero da reunión con AJE,
onte foi
a quenda da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da
Información a Comunicación, AGESTIC. A reunión dirixiuse, unha
vez máis, a completar e o optimizar o dito programa formativo de
emprego para a mocidade da provincia, co fin de conseguir (con axuda
de plataformas como AGESTIC) que sexa o máis acaído posíbel para
os intereses das e dos participantes.
Como
lembraremos a programación vindeira de LugoWork está dotada con 2
millóns de euros, que o organismo provincial puido acadar de mans da
Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.
Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre
os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e
sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas
económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia
ou para a apertura dos seus propios negocios.
Na
xuntanza con AGESTIC, ademais de técnicos provinciais, participaron
o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o deputado de
Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, que
avanzou que a dita entidade empresarial demanda accións formativas
concretas en aspectos como a seguridade de Internet e da información,
a Internet das Cousas, o desenvolvemento web, a creación de contidos
en liña ou a maquetación, entre outros eixes temáticos.
AGESTIC
salientou tamén a transcendencia de apostar por “unha formación
transversal dos profesionais das TIC”, co fin de procurar unha
meirande alfabetización dixital na cidadanía e sensibilizar ao
público en xeral da importancia das Tecnoloxías da Comunicación e
Información, as TIC.
Rivera Capón coincidiu na “necesidade de implantar na sociedade
estes novos coñecementos” e apostou por “elaborar actuacións
por bloques temáticos que sexan de carácter eminentemente práctico,
buscando empresas da provincia de Lugo nas que facer prácticas e
onde poidan adquirir e reforzar coñecementos”.
O deputado
destacou “o compromiso da Deputación co ámbito das novas
tecnoloxías”, salientando o pulo que se lle dá dende o organismo
provincial e tamén a actividade xerada a través da Fundación TIC.
Cousas como por exemplo os obradoiros de InLugo, “cos que se ofrece
formación en TIC para os máis maiores de toda a contorna
provincial”.