A Deputación de Lugo e ABANCA financiarán o equipamento tecnolóxico nas familias

luns, 21 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo e ABANCA queren botar unha man ás familias, empresas e administracións locais da provincia. Así o fixeron saber hoxe ambas entidades, durante a sinatura da renovación do Plan Activamos correspondente ao exercicio 2018. Segundo explicaron, grazas a este acordo achegarase unha nova partida de 21 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes enfocado ao desenvolvemento socioeconómico. Dentro das actividades a financiar atópanse iniciativas ligadas ao uso de enerxías renovábeis, á mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, á dotación de equipamento tecnolóxico e ao desenvolvemento formativo e profesional.
A formalización do acordo tivo lugar na sede da Deputación en Lugo, nun acto que contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, e o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de ABANCA, Liño Comesaña Calvo. En palabras do titular do Goberno provincial, “o que pretendemos dende a Deputación é dinamizar a economía da provincia, achegando financiamento a concellos e empresas para desenvolveren proxectos que redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.
No acto de hoxe, máis en detalle, fíxose saber que, no caso de empresas e autónomos, financiaranse accións para a posta en marcha de novos negocios, a realización de novos investimentos, a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética e as necesidades de circulante. Pola súa banda, as familias poden solicitar cobertura orzamentaria para botar man de enerxías renovábeis, para unha meirande sustentabilidade enerxética, para afrontar a compra e renovación de material tecnolóxico, para o desenvolvemento formativo e profesional, para a adquisición de vehículos eficientes e para a rehabilitación de vivenda habitual no medio rural. As corporacións locais, asemade, contarán con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

PUBLICIDADE