A Deputación de Lugo concede 300.000 euros aos Concellos para acomodaren á Lei as súas e-sedes

venres, 8 de xullo do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo quere botar un cabo aos Concellos para axustar as súas sedes electrónicas aos regulamentos actuais. Por este motivo, acordou un investimento de 300.000 euros para que as Administracións locais dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes (todos agás Lugo) poidan executar as melloras e optimizacións precisas co fin de adaptárense á entrada en vigor (o vindeiro 1 de outubro) da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Segundo informa a Deputación a conto destes financiamentos acordados pola súa Xunta de Goberno, a devandita norma fixa transformacións en materia de eAdministración local para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns o desenvolvemento de todos os trámites cos concellos, a distancia e coas mellores condicións de seguridade e axilidade.
A Deputación anunciou tamén que distribuirá este investimento entre os 66 Concellos en base aos seguintes criterios obxectivos: superficie, densidade de poboación, esforzo fiscal e unidades de poboación.
O vicepresidente Álvaro Santos Ramos fixo saber ante os medios que as axudas por Administración serán de entre 3.300 e 6.300 euros e concederanse vía convenio para impulsar a súa concesión e para axustarse ás necesidade de cada municipio. Segundo engadiu, a vindeira semana enviaranse aos 66 Consistorios toda a información sobre estas axudas, dándolles un prazo duns 15 días para que as soliciten e comuniquen as súas necesidades, que o organismo provincial recollerá nos convenios individuais que asinará cos mesmos.
Santos Ramos informou igualmente que a entidade provincial que representa encargarase tamén de levar a cabo melloras no eido da eAdministración. E explicou: “Grazas aos recursos que xa temos en marcha, como a sede electrónica, o rexistro telemático e a factura telemática, os veciños poderán cos seus eDNI e cos certificados dixitais entregar documentación, solicitar axudas ou tramitar as súas facturas polos servizos prestados ao organismo provincial a través de Internet”.
O devandito motivou que a Xunta de Goberno iniciase, a maiores, un proceso de contratación de novos traballos por un valor máximo de 70.000 euros. As actuacións que se levarán a cabo agora no organismo provincial permitirán habilitar a compulsa electrónica; o pago telemático dos impostos que máis de 50 Concellos teñen delegado no servizo de Recadación Provincial e a consulta por parte da veciñanza do punto no que se atopan as súas tramitacións.

PUBLICIDADE