A Deputación de Lugo anuncia que a cidadanía participará, vía a Rede, na elaboración dos seus orzamentos 2014

luns, 25 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo presentou os días pasados unha iniciativa relacionada directamente co que se entende como Cidadanía Dixital ou Administración Electrónica. É dicir, relacionada cun uso xeral das novas tecnoloxías no camiño dunha meirande e mellor concorrencia da sociedade na actividade das institucións e entidades que a representan. Máis polo miúdo, o que pretende a entidade provincial é dar voz á cidadanía para, a partir de agora, acadar que colabore e participe na elaboración dos seus orzamentos. Esta iniciativa, dada a coñecer o sábado polo presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, convertería ao organismo galego no “primeiro da Comunidade e no terceiro do Estado que implanta este mecanismo”. A idea, subliñou Besteiro, é mellorar a calidade democrática e a transparencia na xestión.
Estamos traballando xa para que este novo instrumento de participación cidadá se aplique nos próximos Orzamentos, os de 2014”, subliñou o presidente, e engadiu: “Forxaremos unha relación de dobre dirección con tódolos lucenses: por un lado, coñecemos de primeira man as súas necesidades e facémolos partícipes da xestión provincial, dándolles voz á hora de definir os orzamentos: a folla de ruta dunha administración, na que establece as súas prioridades e obxectivos; e, por outro, explicámoslles para que serve esta institución, que proxectos desenvolvemos e a que destinamos os nosos fondos”. Ademais de xuntanzas e eventos varios de traballo e divulgación, a metodoloxía que vai empregar a Deputación para recibir as propostas da cidadanía é a metodoloxía en liña. Ou sexa, os medios tecnolóxico-dixitais, materializados desta volta na posibilidade de enviarmos achegas, como cidadáns, a través da web da Deputación que, en palabras de Besteiro, vólvese así máis importante e interactiva. Segundo engadiu, o organismo provincial galego é o terceiro de España –despois de Málaga e Barcelona- que pon en marcha os presupostos participativos. No Estado, dixo, esta experiencia está estendida en Andalucía, Cataluña e Euskadi, “pero na zona do noroeste do país apenas existen un par de experiencias”. O presidente salientou que, con este instrumento de participación, “o Goberno provincial dá un paso máis no obxectivo que se marcou ó entrar na Deputación, abrindo a todos os veciños da provincia esta institución, modernizala, e ser eficaces e transparentes”.

PUBLICIDADE