A Deputación de Lugo acolle un curso sobre ciberdelincuencia
xoves, 31 de marzo do 2022
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo,
Pilar García Porto, participou este mércores 30 de marzo, na
apertura dun curso de formación sobre ciberseguridade e
ciberdelincuencia celebrada no Pazo de San Marcos. O encontro,
organizado polo Sindicato Unificado de Policía, celebrouse en
xornada de mañá para un público xeral, e de tarde, para un público
máis especializado.
García Porto puxo en valor “o compromiso da Deputación coa
formación e a divulgación do coñecemento, xa que coa
xeneralización do uso do móbil, do correo electrónico e das redes
sociais aumentaron os casos de ciberdelincuencia”. Tamén indicou
que acoller este curso neste Salón de Actos de Lugo é moi indicado
debido ao amplo índice de envellecemento da poboación da zona e ás
carencias dixitais que isto implica á hora de padecer
ciberdelincuencia. “A rapidez coa que se expande a tecnoloxía e a
inmediatez do seu uso vólvennos, ás veces, menos prudentes do que
deberíamos á hora de tomar precaucións para evitar ser vítimas
deste tipo de condutas delitivas”, asegurou Pilar García Porto.
Neste sentido, a Deputada recoñeceu “o magnífico traballo que
desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; non só
loitando directamente contra certos delitos, senón tamén axudando a
tomar conciencia entre a cidadanía de cales son as condutas
necesarias para evitalos”
No acto de presentación tamén participaron, entre outros, a
Subdelegada do Goberno de Lugo, Isabel Rodríguez López; o Comisario
Xefe de Operacións da Comisaría de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez,
e o xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial de Lugo, Moisés
Muñiz García.