A Deputación de Lugo acolle estrea da curta Amor Viaxeiro, premiada por Netflix

martes, 11 de abril do 2023 S. P.

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo estreou este martes 11 de abril en Lugo a curtametraxe Amor Viaxeiro premiada pola plataforma Netflix e Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo. A película foi realizada por alumnado do centro dependente da institución provincial, baixo a titoría do equipo docente e supervisada polos convocadores do certame. A estrea realizouse no salón de actos do Pazo de San Marcos.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na premier en Lugo, á que asistiron membros das entidades lucenses AFALU e ALAS, da Federación de Asociacións de Veciños, de Produtoras de Audiovisuais galegas e do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, xunto a alumnos e alumnas de Secundaria lucenses, e os estudantes do CFA e as súas familias.
Rivera Capón animou aos futuros profesionais do sector audiovisual, aos que queda un trimestre para rematar os seus estudos, a manter a liña de traballo que distingue ao Centro de Formación Audiovisual da Deputación, da que resultan creacións recoñecidas a nivel nacional como Amor Viaxeiro ou o documental No se Oye.
Os autores de Amor Viaxeiro, Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño, supervisados polo seu titores, Hugo Fernández e Iago Viana, recibiron un premio de 7.000€ para a produción, filmación e prostprodución da curta que rodaron en galego.
O audiovisual, proxectado xa na pasada Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, narra a historia de Uxía, unha moza que viaxa pola provincia de Lugo e outras zonas de Galicia na procura de lugares que forman parte dos recordos da súa avoa. Pablo Rivera salientou que “a cinta consigue emocionar cun guión que aborda o alzhéimer e dá visibilidade ao colectivo LGTBI, ademais de destacar a singularidade do territorio, do patrimonio e da poboación galega, axustándose aos requisitos do certame de Netflix e Turespaña”.

PUBLICIDADE