A Deputación de Lugo achega aos concellos novos servizos tecnolóxicos e xurídicos

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo segue a traballar en fornecer ás administracións locais da provincia novas prestacións tecnolóxicas e xurídicas para axilizar a súa actividade. A través de CooperaTIC, iniciativa do InnovaTE, o organismo provincial ofrece aos 49 municipios incluídos en dito programa europeo a adquisición e instalación dun novo sistema software, a elixir polas entidades locais, por un valor máximo de 10.000 euros. Asemade, dende a área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, o organismo lucense puxo a disposición de 67 municipios o acceso a unha completa base de datos xurídicos, “aforrándolles os 4.000 euros que suporía a cada entidade a súa compra”.
Segundo sinala a Deputación, a listaxe de actividades que se facilitan dende CooperaTIC son moitas e variadas. Por exemplo: módulos de interoperabilidade coa factura electrónica; aplicacións de contabilidade ou de xestión administrativa; ferramentas de deseño, de xestión de redes sociais ou comunicación; programas de seguridade e antivirus; solucións de almacenamento na nube, etc. Para solicitar estes servizos ou pedir máis información, a Deputación habilita os números 982 260 110/982 260 105/ 982 260 135, e o enderezo electrónico innovate@deputalucionlugo.com. O obxectivo da institución luguesa “é reforzar as prestacións tecnolóxicas aos municipios logo de datos de sede electrónica, páxinas web, sistemas operativos, paquetes ofimáticos ou novo equipamento”.
A maiores, como dixemos, a Deputación está a fornecer a todos os concellos lugueses “dunha completa base de datos xurídicos na que poden consultar toda a lexislación debidamente actualidade ou a colección da xurisprudencia existente”. Coas claves correspondentes, que as administracións locais deben solicitar ao organismo provincial, poden acceder á base de datos dende deputacionlugo.gal e seguindo a ligazón Servizos en liña para os Concellos. No portal, amais de base de datos xurídicos, os municipios contan con servizos de asistencia en materia económica-financeira, urbanística, recursos humanos, contratación ou medio ambiente.

PUBLICIDADE