A Deputación de Lugo achega 48.000 euros a Trabada para a creación dun centro de novas tecnoloxías

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres 20 de outubro coa alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, tamén deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, un acordo a través do cal a institución provincial achega ao Concello mariñán 48.000€ para a creación dun centro de novas tecnoloxías en Vilaformán, rehabilitando o antigo teleclub da parroquia.
José Tomé explicou que o investimento provincial supón un 90% do custe total da actuación que permitirá a posta en marcha dun espazo innovador impulsado pola propia alcaldesa. “O centro prestará atención á veciñanza da parroquia, pero tamén de todo o concello e axudará a dinamizar a vida social e económica con acceso ás novas tecnoloxías no rural”, explicou Tomé, engadindo que os traballos para crear un centro de novas tecnoloxías en Vilaformán consistirán na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación, a demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente.
Grazas ao proxecto habilitaranse no edificio, de 131 metros cadrados, dous espazos, un para instalar material informático e o segundo para levar a cabo formación relacionada con actividades no rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos informativos.
Este acordo súmase aos investimentos que a Deputación de Lugo fai no concello de Trabada. Dende 2019 a institución provincial destinou 3M€ para actuacións que contribúen á mellora da calidade de vida dos trabadenses e dinamizar a economía local, así como para o funcionamento do Centro de Atención a Maiores.

PUBLICIDADE