A Deputación de Lugo achega 120.000 euros á segunda tempada de O Sabor das Margaridas

martes, 6 de outubro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo, a través do seu presidente José Tomé, asinou esta mañá un convenio coa produtora CTV para formalizar a axuda da institución á segunda tempada de O Sabor das Margaridas, o primeiro proxecto audiovisual na nosa lingua incorporado á plataforma de streaming Netflix que inclúe seis episodios rodados en localizacións da provincia de Lugo, como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a capital lucense.
Participaron na formalización do convenio o presidente José Tomé Roca, a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o director xeral de CTV, Ramón Rodríguez Rego. Segundo este acordo, a entidade provincial achegará 120.000€ na segunda tempada da dita serie.
Tomé Roca subliñou que esta colaboración da Deputación de Lugo “servirá para impulsar a proxección internacional da provincia, pois O Sabor das Margaridas é a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix e que está tendo moi boa repercusión internacional”.
Segundo engadiu, nesta segunda tempada, que se estreará nas vindeiras semanas en Netflix, a provincia de Lugo “ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense”.
Tomé Roca pon o foco tamén en que “esta promoción a través do audiovisual que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia nesta crise do coronavirus, tendo en conta que o noso turismo é un turismo sustentábel, de calidade e sen masificacións”.
Ademais, o presidente salienta o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, “materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas”, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.
A nova tempada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.

PUBLICIDADE