A Deputación de A Coruña fará posible a administración electrónica en 86 concellos da provincia

venres, 4 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A Deputación de A Coruña está a abordar na actualidade un ambicioso programa para facer posible a administración electrónica nos concellos da provincia. O proxecto execútase en colaboración cos ministerios de Administracións Públicas e de Industria, Turismo e Comercial, constituíndo unha actuación sen precedentes na provincia para modernizar a administración local e achegala ós cidadáns mediante as TIC aplicadas á xestión municipal.
O programa ten un custo económico de 1,2 millóns de euros para a Deputación, que achegará o 50% do orzamento, mentres que o resto se financiará a través da Administración central, e servirá para cumprir coa normativa comunitaria que establece que en 2010 tódolos procedementos e xestións municipais se realizarán de xeito telemático.
A primeira fase do proxecto iniciouse no mes de novembro de 2007 e estímase que se completará en febreiro de 2008, e consistiu no subministro de servidores Dell Power Edge2900 a un total de 86 concellos así como ó Consorcio das Mariñas, o Consorcio Provincial de Bombeiros e ás mancomunidades do Camiño de Santiago e Arousa Norte. Esta fase, que conta cun orzamento de 600.000 euros, tamén incluíu a instalación das aplicacións e a migración de datos para a prestación de servizos ó cidadán con tramitación electrónica.
A segunda fase do programa desenvolveraa a unión temporal de Coremain e El Corte Inglés, empresas que completarán o subministro de software ós concellos, permitíndose co mesmo a tramitación electrónica de 150 procedementos (coma concursos, poxas, licenzas, subvencións, pagamento de tributos, ordenanzas fiscais...) a 50 concellos, mentres que os restantes só contarán con 102 elementos de xestión.
Os concellos incluídos no programa son Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Fene, A Laracha, Muros, Narón, Noia, Ordes, Padrón, A Pobra, Pontedeume, As Pontes, Porto do Son, Rianxo, Sada, Santa Comba, Teo, Vimianzo, Abegondo, Ares, Arzúa, A Baña, Bergondo, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Coristanco, Curtis, Dodro, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica, Mazaricos, Melide, Mesía, Miño, Mugardos, Muxía, Neda, Negreira, Oroso, Ortigueira, Outes, Oza dos Ríos, O Pino, Ponteceso, Rois, San Sadurniño, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Zas, Aranga, Boimorto, A Capela, Cerdido, Cesuras, Coirós, Corcubión, Frades, Irixoa, Mañón, Moeche, Monfero, Paderne, Santiso, Sobrado, Somozas, Toques, Touro, Vilarmaior e Vilasantar, así coma os consorcios e mancomunidades antes mencionados.

PUBLICIDADE