A Deputación da Pontevedra impulsa proxectos de transformación dixital nos concellos cunha contía de 2,5 millóns

xoves, 5 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra quere transformar os concellos da provincia e adaptar a súa administración aos tempos dixitais. Este é o obxectivo común dos novos proxectos que vai desenvolver a institución grazas aos fondos Next GenerationEU. En concreto, a ten á súa disposición algo máis de 2,5 millóns de euros para facer investimentos en concellos de menos de 20.000 habitantes ao abeiro das subvencións para a transformación dixital e modernización das Entidades Locais do Plan de Recuperación.
A Deputación presentou xa unha proposta que engloba proxectos para as cinco liñas estratéxicas contempladas na convocatoria. En total, 47 dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia mostraron o seu interese en todos ou nalgúns dos proxectos propostos. En concreto, na primeira das liñas estratéxicas Unha administración orientada á e ao cidadán, propúxose unha plataforma web/app de comunicación ca cidadanía e xestión de incidencias, que permitirá que os e as cidadáns poidan comunicar aos seus concellos calquera incidencia, sendo tamén unha canle bidireccional entre concellos e cidadanía. O proxecto conta cun orzamento de 170.000 euros para 36 concellos e permitiralles, como explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, dispor de “información directa e capacidade de actuación inmediata, pois será a propia cidadanía a que traslade aos concellos as incidencias, comentarios, peticións, etc.”. Ademais, na liña 1 porase en marcha un portal de transparencia, para que os concellos poidan cumprir coa Lei de Transparencia poñendo a disposición da cidadanía toda a información dos distintos indicadores establecidos na Lei cun orzamento de 55.000 euros para 22 concellos.
No caso da liña 2, Operacións intelixentes, a proposta é un sistema automático de xestión de órganos colexiados nos concellos, incluíndo subministro de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de reunións con autenticación dos vídeos, “de tal forma que a cidadanía poida seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as secretarías municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de maneira automática as actas dos mesmos”, informou Silva. Contará cun orzamento de 600.000 euros para 32 concellos.
Pola súa banda, na liña tres, Goberno do dato, cun orzamento de 100.000 euros para 47 concellos búscase dotar de instrumentos “a unha provincia para dinámica para cumprir coas follas de ruta máis importantes que se están a trasladar desde os organismos públicos”. Así, subministraranse indicadores para o seguimento dos obxectivos da axenda urbana española na provincia e dos obxectivos de desenvolvemento sustentábel da Estratexia 2030, que se poderán mostrar nun cadro de mando para poder trazar plans de mellora en cada concello.
Na liña de Infraestruturas dixitais, dotarase aos 47 concellos solicitantes de preto de 1.000 postos de traballo intelixentes de mobilidade para as e os empregados públicos. Serán computadores avanzados que “van permitir ter ferramentas físicas para facer máis moderno todo o relacionado coa Administración Electrónica”, explicou a presidenta da Deputación. Ademais, dotarase ao CPD (Centro de Procesamento de Datos) da Deputación do equipamento preciso para poder albergar as ferramentas que se poñan en marcha neste proxecto e almacenar a información que se xere.
Por último, á liña Interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital, que é de obrigado cumprimento, presentouse un proxecto de Integración coa Carpeta Cidadá que, cun orzamento de 530.000 euros, permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes, o que, ademais de axilizar a información, permite ás e aos cidadáns “aforrar tempo e ter información de primeira man”.

PUBLICIDADE