A Deputación da Coruña remodela as sedes dixitais dos concellos da provincia

luns, 18 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña vén de renovar as sedes electrónicas de 74 concellos da provincia, amais das presenzas en liña doutros organismos da contorna como o Consorcio das Mariñas, o Consorcio Provincial Contraincendios, o Consorcio de Turismo da Coruña ou as mancomunidades. Con motivo da estrea de cadansúa sede, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que a posta en marcha destes novos portais achega máis versatilidade, máis funcionalidade e un deseño gráfico máis atractivo.
Segundo engadiu, o obxectivo das nosas sedes é “permitir á cidadanía interactuar dun xeito máis áxil e intuitivo co seu concello ou coa deputación sen horarios nin esperas, realizando xestións sen moverse do seu domicilio ou oficina e dun xeito completamente seguro".
González Formoso tamén explicou que as sedes electrónicas funcionan 24 horas durante os 365 días do ano e posibilitan a realización de “numerosos trámites cotiáns perante a administración”, como por exemplo o envío de solicitudes (inscrición en actividades, reserva de instalacións deportivas, solicitude de axuda a domicilio, licenzas de vaos, subvencións...) a validación de documentos electrónicos ou a consulta de expedientes e notificacións.
O titula do Goberno provincial coruñés engadiu que as novas sedes veñen con plena adaptación ao novo regulamento en materia de protección de datos, poñendo en xogo a máxima seguridade na identificación (con clave segura), o que ceiba aos usuarios da instalación de software ou hardware adicional. Amais, os trámites poden realizarse dende calquera dispositivo móbil (ordenador, teléfono, tableta...) e a tecnoloxía resultante amplía o número de certificados de autoservizo, como a posibilidade de xerar certificados de empadroamento. A Deputación investiu 123.904 euros na renovación das sedes electrónicas das administración locais da provincia.

PUBLICIDADE