A Deputación da Coruña loce xeodestinos nas redes sociais

luns, 6 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A actividade turística xa rebordou hai tempo os límites tradicionais do turismo. Agora, hai un antes, un durante e un despois nas redes. En base a isto, a Deputación de Coruña vén de pór en marcha unha campaña promocional audiovisual para animar a visitar a media ducia de xeodestinos que acubilla. A estratexia vén da man da área de Turismo da entidade provincial e baséase en parte en preparar o terreo para acadar a meirande cantidade de gústame (like) nas redes sociais. Inclúese un vídeo xeral e outros específicos para cada un dos destinos, tal e como se pode ver xa no YouTube. A difusión lévase a cabo nas principais canles-comunidades de comunicación en liña: Facebook, Twitter, YouTube e Instagram.
Coruña Like é o título da nova campaña, coa que se queren visualizar ao máximo os múltiples atractivos da provincia, poñendo o foco na paisaxe, no patrimonio e na gastronomía, que se difunden na Rede co cancelo #coruñalike.
No material audiovisual xenérico, unha visitante promove as distintas experiencias e paisaxes dándolle gústame nas redes sociais. Promover esta acción, segundo informa Turismo da Deputación, é un dos obxectivos da nova campaña, ou sexa, “conseguir que a xente se faga eco e difunda a beleza e a oferta de calidade dos distintos destinos da Coruña”. Ademais do vídeo xeral, a campaña inclúe seis curtas particulares dedicadas a Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte.
Os vídeos difundiranse nas redes sociais, na páxina de Turismo da Deputación (https://turismo.dacoruna.gal) e nas dos entes de xestión dos distintos xeodestinos.
Coruña Like quere mostrar “a ampla variedade de experiencias para facer da viaxe unha vivencia que se quererá compartir”, explica a Deputación. Entre os elementos que se visualizan e se destacan figuran a torre de Hércules e o porto da Coruña, a fervenza do Ézaro e o cabo Fisterra na Costa da Morte, o monte Louro e o castro de Baroña na ría de Muros e Noia, a praza do Obradoiro nas Terras de Santiago, e o cabo Ortegal ou o mosteiro de Caaveiro de Ferrolterra.
A nova campaña audiovisual pódese atopar tamén na páxina web da área de Turismo da Deputación da Coruña que está a funcionar como plataforma interactiva de promoción dos distintos destinos e ferramenta para os concellos.

PUBLICIDADE