A Deputación da Coruña lanza campaña turística nas redes con 52 xeitos de coñecer a provincia
martes, 6 de agosto do 2019
A
Deputación da Coruña vén de activar unha campaña de promoción
turística nas redes sociais, que é onde ten acubillo e espazo para
moverse, cada vez máis, o que por tradición se coñece como efecto
“boca a boca”. Dito doutro xeito: é onde están, en relación co
turismo, os segredos a voces e os achados que compartir. Aproveitando
este fluír de recomendacións e este potencial de visualización, a
entidade provincial (a través da área de Turismo que dirixe Xosé
Regueira) lanzou
52 plans de fin de semana,
que consiste en mostrar ao mundo, cada venres da semana, propostas
para coñecer o territorio coruñés “de maneira activa”.
A iniciativa non se limitará ao verán: prolongarase ao longo de
todo ano até completar as 52
propostas e mesmo ir alén deste obxectivo.
A
campaña collerá corpo de
maneira especial en Facebook
e Instagram, onde se dará conta de todo tipo de convites a visitar a
provincia Coruña co gallo das súas incríbeis paisaxes, das súas
festas gastronómicas, festivais ou das súas rutas. Contidos
de promoción do patrimonio cultural, etnográfico e natural, eventos
gastronómicos, culturais, festivos ou deportivos son algunha das
temáticas que convidarán a persoa usuaria a coñecer de maneira
activa o territorio da Coruña.
Tanto
no muro de ambos perfís como en historias de Facebook
e Instagram, cada venres desde este agosto ata o de 2020, iranse
desvelando os distintos plans como propostas turísticas para a
escapada da fin de semana. A iniciativa botou a andar nesta primeira
fin de semana de agosto tendo como protagonista o festival de arte
urbana Desordes Creativas de Ordes. A campaña estase a desenvolver
baixo o cancelo #52findes.