A Deputación da Coruña impulsa unha ferramenta online para radiografar a realidade dos concellos

venres, 8 de maio do 2020 S. P.

A Deputación da Coruña vai botar man das máis avanzadas tecnoloxías de análise e seguimento para ter información puntual e exhaustiva sobre a realidade socioeconómica da provincia. Este será o cometido do Barómetro Socioeconómico Local (BSL), que, segundo fixo saber a entidade provincial, “medirá a evolución temporal e territorial do mercado laboral, a evolución demográfica e máis a economía de cada municipio”. O desenvolvemento da nova ferramenta tecnolóxica online, que se vai integrar cos máis de 4,5 millóns de datos sobre infraestruturas e servizos locais xa dispoñíbeis na EIEL (Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais) da Deputación, vén de saír a licitación. O resultado deste labor de análise porase a disposición da cidadanía.
En palabras do presidente da entidade provincial, o Barómetro recollerá, “de xeito simple e intuitivo”, datos compilados de fontes oficiais e amosará mediante gráficos e mapas interactivos a situación actual e a evolución temporal e territorial de indicadores relativos ao mercado laboral, a evolución demográfica, a economía e competitividade, a cohesión social... así como datos do catastro, urbanismo e vivenda, transporte ou xestión económica do sector público. O presidente Valentín González Formoso salientou “utilidade” desta información á hora de planificar investimentos ou deseñar políticas efectivas para a dinamización económica de cada territorio.
Amais do devandito, posibilitará a realización de informes, pirámides de poboación ou mapas temáticos que faciliten unha comparación sociométrica de distintos concellos ou comarcas, ofrecendo unha perspectiva da súa evolución ao longo do tempo.

PUBLICIDADE