A Deputación da Coruña forma ao persoal dos concellos para a adaptación electrónica á nova lei de contratación

mércores, 27 de xuño do 2018 Redacción

A Deputación da Coruña está a desenvolver accións formativas para que o persoal dos concellos sexa quen de adaptarse electronicamente á nova Lei de Contratación. Estas accións, nas que están a participar máis de 200 persoas, está dirixida aos traballadores técnicos das administracións locais., en especial responsábeis das secretarías e das mesas de contratación O deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, inaugurou onte a primeira das edicións do curso. Segundo fixo saber, “a Deputación da Coruña vai estar ao carón dos concellos para que o paso da contratación en papel á electrónica sexa o menos traumático posíbel”.
O deputado sinalou tamén que, coa aplicación do novo marco legal, os servizos da Deputación teñen a obriga de preservar o cumprimento da tramitación electrónica nos proxectos que integran plans provinciais e emitir informes desfavorábeis a aqueles que se financian con fondos da institución e non cumpren o estipulado pola lei. “A lei”, dixo, “promoveuse como máis áxil e accesíbel, e díxose que facilitaba o acceso de pequenas e medianas empresas mais estase a comprobar que a tramitación é máis complicada e nalgún dos concursos presentáronse menos da metade de licitadores dos que se presentaban con anterioridade”.
O obxectivo dos cursos de formación, polo tanto, é que os concellos consigan adaptarse o antes posíbel ao novo modelo de Administración Electrónica e así “evitar adiamentos ou outro tipo de prexuízos nos procesos de contratación”.
O programa iniciouse no IES Calvo Sotelo da Coruña co comezo do primeiro dos cursos que terán continuidade en novas edicións os días 5, 10, 12 e 17 de xullo. Cada acción formativa trátase dun curso práctico en que as/os asistentes achéganse ás principais características e o funcionamento da Plataforma de Contratos do Sector Público, á xestión dos órganos de asistencia e ao funcionamento dos novos modelos de licitación, publicación ou envío de comunicacións e resolucións.

PUBLICIDADE