A Deputación da Coruña e o Museo de Pontevedra festexan o Día Internacional dos Arquivos con cadansúas iniciativas

xoves, 9 de xuño do 2016 Redacción

Hoxe celébrase o Día Internacional dos Arquivos, data na que se quer amosar á poboación a importancia que teñen a día de hoxe os arquivos. Para festexar esta xornada o Arquivo da Deputación da Coruña inauguraba hoxe unha exposición virtual da colección de fotografías e postais de Manuel Puga Pequeño. Puga Pequeño, viaxeiro e coleccionista, chegou a reunir preto dun milleiro de fotografías e postais da provincia da Coruña nunha colección que foi despois adquirida pola Deputación coruñesa. Unha pequena parte desas instantáneas pódense ver nesta exposición virtual e no catálogo en liña da páxina web do Arquivo da Deputación, na que se amosa como eran a Torre de Hércules, o Castelo de Santa Cruz de Oleiros, o parque do Pasatempo de Betanzos, a Ría do Burgo, ou o porto da Pobra do Caramiñal a comezos do pasado século.
Botando unha ollada cara atrás, o Arquivo da Deputación da Coruña constitúese ao mesmo tempo que a propia institución, en 1822. En 1888 produciuse o nomeamento de Bernardo Barreiro Vázquez como arquiveiro-bibliotecario, que sería substituído por Manuel Murguía en 1909.
E seguindo nesta mesma liña de homenaxe ao Día Internacional dos Arquivos, o Museo de Pontevedra (Deputación) tamén se une aos actos de conmemoración desta data amosando por primeira vez unha escolma de documentos senlleiros ao longo de dúas visitas guiadas á sala de reserva do museo.
Segundo apuntan dende o Museo, o que se pretende con este achegamento ao público non especializado é promover e difundir a necesidade de preservar a documentación de arquivo (do sector público e privado) e do seu dereito de acceder a eles.
Así, o centro pontevedrés contará hoxe cunha xornada de portas abertas nas que se dará a oportunidade, en dúas quendas, de facer unha visita guiada aos fondos documentais que se custodian no Museo. A responsábel do arquivo, María Jesús Fortes, recibirá a cada grupo no edificio Fernández López, para explicar a orixe do arquivo, como se foi consolidando e que tipo de fondos documentais o conforman.
Realizarase unha visita pola mañá, ás 11:30 h, e outra pola tarde, ás 19 h. Entre as curiosidades que poderán verse hoxe no Museo de Pontevedra salientan: un documento no que Carlos III confirma os privilexios que os anteriores monarcas lle concederan ao Coto de Dozón; ou un tratado de ciencias sobre o cultivo da grana (século XVIII).

PUBLICIDADE