A Deputación da Coruña e a Cámara de Santiago formalizan a creación do Coworking Dixital CCompostela

luns, 10 de xaneiro do 2022 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Compostela, José Carballo García, xunto ao deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, formalizaron este 10 de xaneiro un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Coworking Dixital CCompostela, no marco do Plan de Emprego Local (PEL) e con vistas a formar parte da Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da institución provincial.
Segundo informaron as entidades implicadas, o Coworking Dixital CCompostela busca “apoiar a transformación das pemes no momento actual de reflexión sobre a dixitalización que se leva a cabo en España e Europa”, como “vía necesaria para reforzar a súa produtividade, a súa competitividade, o seu crecemento e a súa internacionalización e, en certos casos, mesmo a súa supervivencia”.
Para co-financialo a Deputación achegará 37.789,50 euros de fondos propios, o que supón o 20% do total, que ascende a 188.947,52 euros.
Segundo fixeron saber, a posta en marcha do Coworking Dixital CCompostela ofrecerá non só apoio tecnolóxico, senón tamén centrado no desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía dixital, ademais de prestar apoio noutras áreas como a financeira e formativa. A entidade cameral engadiu que “terá unha visión holística da innovación, abranguendo unha completa batería de servizos en torno ás dimensións de negocio, ao financiamento, á xestión da innovación e á transferencia de tecnoloxía, poñendo especial énfase nos aspectos relacionados coa colaboración e o networking”.
O espazo estará destinado a facilitar e garantir a optimización da capacidade de innovación das pemes, micropemes e emprendedores e acelerar o seu proceso de dixitalización e incorporación de tecnoloxía para mellorar a súa competitividade.
O proxecto ten “un marcado carácter supramunicipal”, explicaron as entidades, engadindo que o su ámbito de actuación é o mesmo que o da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32 concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.
“En definitiva”, engadiron as institucións, “o Coworking Dixital CCompostela incidirá directamente no medre económico da contorna compostelá e das comarcas próximas, a través da especialización tecnolóxica nos sectores produtivos industriais mediante a aplicación de tecnoloxías dixitais, todo iso baseado nun modelo innovador de transferencia de coñecemento”.

PUBLICIDADE