A Deputación da Coruña e Next Education formaran especialistas en territorios rurais intelixentes

mércores, 15 de febreiro do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña achegou esta semana máis detalles sobre os seus proxectos para contribuír á dixitalización e transformación tecnolóxicas das empresas. Fíxoo en Ponteceso (onde a institución impulsou unha Oficina Acelera PEME), da man do presidente provincial Valentín González Fermoso, acompañado polo xornalista Manuel Campo Vidal. Xuntos presentaron este luns 13 de febreiro o curso de especialista en territorio rural intelixente, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración con Next Educación.
Formoso apuntou que “incentivar fiscalmente a implantación de empresas no rural e apostar pola transformación dixital son claves para facilitar a implantación de empresas nos pequenos municipios”.
Esta formación, dirixida polo propio Campo Vidal, pretende “axudar a impulsar a dixitalización e a economía circular nos núcleos rurais a través da aplicación nos negocios diferentes ferramentas tecnolóxicas e técnicas para acadar o seu desenvolvemento”. O dirixente provincial apuntou que "desde as institucións, principalmente as de carácter local, impulsamos estes cursos para dotar de instrumentos ao mundo rural coruñés e conseguir a súa dinamización".
Formoso destacou que a "aposta da Deputación pola dixitalización do rural pasou hai tempo das palabras aos feitos" e citou dúas iniciativas como exemplo: a oficina Acelera PEME, que acaba de entrar en funcionamento en Ponteceso co obxectivo de impulsar a transformación dixital das empresas instaladas en zonas rurais, “contribuíndo así a asentar oportunidades de emprego e desenvolvemento que axuden a frear o despoboamento”, e o Centro Next Deputación de A Capela desde onde a Deputación xestiona os proxectos que buscan financiamento con fondos do programa europeo Next Generation, “unha iniciativa única en España”, salientou o presidente, destacando o feito de que a atención para os 93 concellos coruñeses sexa ofrecida desde un municipio de só 1.300 habitantes.
Pola súa banda, Campo Vidal lembrou que "só se salva un pobo se ten un proxecto, pero necesítase formación", incidindo na importancia de dotar de coñecementos e a información necesaria a todos os que teñan interese de asentarse ou emprender no rural.
O director de Next Educación aclarou que "en España pérdense moitas subvencións procedentes de Europa porque non se piden as axudas de xeito correcto. A veces están fóra de prazo, outras veces hai erros e incluso en ocasións as axudas pídense nas liñas de axuda incorrectas".
O curso de especialista en territorio rural intelixente
Segundo informaron, o curso, dirixido a persoal funcionario, laboral e responsábeis políticos, contou con máis de 160 solicitudes de inscrición, polo que “se ten que desenvolver en dúas edicións”. Cada unha conta cunha duración de 20 horas, das que 16 son en formato en liña e outras 4 son webinars de 1 hora de duración cada unha.
A primeira quenda estase a desenvolver desde o 17 de xaneiro ata o 28 de febreiro, mentres que a segunda realizarase desde o 1 de marzo ata o 4 de abril e conta xa con 40 alumnos e alumnas inscritos.
O obxectivo desta formación é a de “impulsar a economía circular como motor de oportunidades dentro dos territorios rurais a través de ferramentas e técnicas tecnolóxicas innovadoras”. Pretende dotar das liñas esenciais aos emprendedores e emprendedoras para crear os seus negocios, transferir coñecementos para o impulso de pequenas e medianas empresas e microempreseas e, ademais, formar sobre as técnicas e habilidades de comunicación para o desenvolvemento rural intelixente.

PUBLICIDADE