A Deputación da Coruña e Abanca achegan app para permitir o pago de impostos locais co móbil

luns, 9 de novembro do 2015 Redacción

A entidade financeira galega Abanca e a Deputación da Coruña presentaron esta mañá unha aplicación para dispositivos destinada a permitir o pago de impostos locais a través do noso aparello móbil. A ferramenta foi dada a coñecer nun contexto máis amplo: o contexto da formalización do acordo para a nova andaina do Plan Activamos, unha iniciativa conxunta a través da cal Abanca destinará 87 millóns de euros a financiar proxectos de pulo económico e social na provincia (segundo fixeron saber as dúas entidades, “cun incremento do 20% con respecto á edición do pasado”). No acto de sinatura participaron o deputado de Economía Antonio Leira, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa.
Segundo fixeron saber o organismo provincial e a entidade financeira, a nova aplicación que a Abanca vén de deseñar xa está dispoñíbel tanto para dispositivos con Android como para aparellos con iOS, co nome de “Deputación da Coruña”. Esta iniciativa, explicouse na rolda de prensa, “busca facer máis doado e accesíbel o pago dos impostos aos cidadáns co emprego das novas tecnoloxías, poñendo para iso á súa disposición canles cunha operatividade de 24 horas ao día os sete días da semana”.
A aplicación, máis polo miúdo, permite o pago de taxas locais de xeito “rápido e sinxelo” e en “dous cómodos pasos”. Primeiro elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, despois, hai que teclear os datos do cartón de crédito para efectuar o pago. Co obxectivo de axilizar a introdución de datos, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do móbil. A aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pago de recibos guiándoo en todo o proceso. Este tipo de pago a través da ferramenta é de balde, “sen ningún tipo de comisión”. O seu deseño insírese ao abeiro da estratexia de Abanca de facilitar o desenvolvemento tecnolóxico no seu ámbito de actuación para poder “ofrecer un servizo omnicanle, innovador e con altos niveis de calidade”.
Noutra orde de cousas, sinalar que no transcurso da presentación as dúas entidades indicaron que través do Plan Activamos, a entidade bancaria vai seguir financiando, “en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado”, proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o emprendemento e a creación de emprego. Lembraron que os produtos de financiamento do Plan Activamos “contan con tipos de interese bonificados en relación a oferta bancaria actual e sen bandas de fluctuación, e que, ademais, carecen de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, dispoñendo de amplos prazos de amortización”.
Até o de agora (e tamén de agora en adiante), PEME, microempresas, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios dos créditos do Plan Activamos. En total, tramitáronse con estes segmentos 2.652 operacións.

PUBLICIDADE