A Deputación da Coruña centra nas redes boa parte da súa campaña do 25N

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, presentou onte os detalles da nova edición da campaña provincial De Fronte á violencia de xénero, lanzada novamente con motivo do 25N e co obxectivo de “incidir na sensibilización e concienciación da mocidade”. Centrándose nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, inclúe diferentes accións específicas en torno a este obxectivo, e outras máis xenéricas dirixidas á poboación xeral. As accións específicas para as novas xeracións terán unha vertente claramente dixital, tal e como se pon de manifesto na web da iniciativa.
“As agresións sexuais en contextos de ocio nocturno estanse dando cada vez máis habitualmente e normalizando” apuntaba a deputada de igualdade. “É unha situación moi grave na que poñemos o foco, porque queremos que as nosas rapazas non teñan medo a saír, e poidan divertirse con tranquilidade e seguridade”, engadía.
Nunha iniciativa á que están adheridas 91 concellos, 82 entidades sociais e 35 centros de ensino, a Deputación pon á súa disposición, e tamén á do público en xeral, diferentes recursos como documentación, vídeos, e guías de actividades, entre outros, para traballar conceptos básicos sobre violencia de xénero con distintos colectivos, así como a posibilidade de descargar a imaxe gráfica da campaña en diferentes formatos.
No eido da celebración do 25N, a área de igualdade da entidade provincial desenvolverá unha serie de actividades que a continuación se detallan.
Programación
-Obradoiros: Levaranse a cabo un total de 14 obradoiros “formulados en positivo”, cunha duración mínima de 2 horas, onde cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan as violencias sexuais en contextos de lecer e festa. Dirixidos a alumnado de IES da provincia, colectivos e asociacións xuvenís e persoas usuarias de centros de atención á diversidade, farase uso de ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para realizar unha pequena peza audiovisual en formato stop motion con pezas LEGO. Estes obradoiros comezaron o 9 de novembro na asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños e percorrerán Boiro, Cedeira, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Corcubión, Ribeira, A Coruña, Ordes, Outes, Muros, Santiago e Zas durante o mes de novembro.
-Acto institucional: Na mañá do 24 de novembro terá lugar no vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación un acto institucional que contará coa presenza do dúo Camaño&Ameixeiras, que lerán un texto propio e interpretarán dúas pezas en formato acústico. Ademais, haberá unha declaración institucional.
-Acción nas rúas: Co obxectivo de facer visíbeis situacións reais de agresións sexuais, nas rúas de Santiago, Cee, A Coruña e Ferrol levarase a cabo a acción #RompeOSilencio, a través da que se recollerán testemuñas anónimas que anotarán nun papel as súas experiencias que queiran compartir e posteriormente depositarán nunha furna.
-Pílulas dixitais a pé de rúa: Crearanse breves vídeos divulgativos coas testemuñas de situacións reais recollidas na acción #RompeOSilencio. Compartiranse na web e nas redes sociais.
A campaña inclúe, un ano máis, diferentes accións para incidir na concienciación e sensibilización dun público clave como é a mocidade, a través da divulgación dende unha mirada en positivo.

PUBLICIDADE