A Deputación da Coruña aposta pola claridade de contidos e recursos na súa nova web

mércores, 6 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Quen acceda estes días á web da Deputación da Coruña, www.dacoruna.gal, vai descubrir unha serie de novidades importantes, tanto na forma coma no fondo. O motivo? Pos a posta en marcha da nova páxina web. Para comezar, salienta a clara aposta polo dominio galego en toda a súa dimensión: referímonos non só ao uso do .gal, senón tamén ao propio nome galego da entidade provincial, que pasa a un primeiro plano en relación a “dicoruna.es”. Outro dos puntos nos que destaca a nova proposta é na visualidade e na adaptabilidade aos diferentes dispositivos.
Neste senso, houbo un esforzo por sintetizar e liberar a páxina de atrancos na súa interacción co usuario, e tanto as imaxes como a información relevante das novas como os accesos ás diferentes seccións (Deputación, Temas, Concellos, Novas) adquiren un pulo extra que se estende a calquera vieiro que empreguemos para acceder.
O mesmo se pode dicir da sección de funcionalidades, Todo o que precisas nun clic, onde, literalmente, non hai posibilidade de extraviarse con respecto á información de recursos dispoñíbel (Corporación, Economía e Facenda, Plan Único Concellos, Deportes, Cultura, Servizos Tributarios, Igualdade, Contratación, Recursos Humanos, Lingua, Plan Emprego Local, Subtel, Turismo, Transparencia, BOB e Europe Direct).
A aposta polo visual e o deseño dinámico e coidado esténdese á sección de contidos destacados e ao uso de diferentes formatos comunicativos, incluídos audiovisuais. O esforzo por sintetizar e clarificar tamén abrangue as seccións de temas (que nos axudan a facer procuras e a enxergar as cuestións de meirande actualidade) e á de servizos electrónicos, que sería a parte máis relativa á eAdministración (Subvencións, Sede Electrónica, Boletín Oficial, Oficina Virtual Tributaria, Perfil do Contratante, Portal de Transparencia e Cambio de Contrasinal).

PUBLICIDADE