A Deputación da Coruña amosa en Bruxelas o seu proxecto de emprego rural a través das TIC

martes, 13 de outubro do 2015 Redacción

A Deputación de Coruña está a participar na nova edición, a número 13, da Semana Europea das Rexións e as Cidades Open Days 2015, que se celebra até o 15 de outubro en Bruxelas. Na cita, José Luís García, deputado responsábel da Área de Promoción Económica da Deputación da Coruña (e alcalde de Brión), explicará os resultados do proxecto Parnet-TIC 2, unha iniciativa destinada a incentivar o emprego no eido rural a través das novas tecnoloxías.
Segundo lembra o organismo provincial, os Open Days son eventos anuais organizados polo Comité das Rexións (CDR) e a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea co obxectivo de compartir experiencias de xestión e boas prácticas no eido local, así como coñecementos especializados sobre desenvolvemento local e rexional.
Entre outras actividades, José Luis García asistirá este martes 14 de outubro ao seminario Cooperación local e rexional para o cambio demográfico que se celebrará na Representación Permanente de España na Unión Europea. Nel, abordaranse diferentes estratexias para afrontar os retos derivados do envellecemento e a baixa densidade de poboación, sobre todo nas áreas rurais e Europa.
No mesmo día, na sede da Fundación Galicia Europa na capital europea, o deputado coruñés explicará no marco dun seminario sobre integración das áreas rurais e urbanas (no que participarán representantes de entidades locais de Grecia, Italia, Polonia, Croacia, Holanda, Portugal e Reino Unido), algunhas das claves do proxecto Parnet-TIC 2 que desenvolve a Deputación da Coruña co obxecto de potenciar a creación de emprego no rural a través das novas tecnoloxías. Para acadar este obxectivo, ao abeiro de Parnet-TIC 2 estanse a realizar diversas actuacións, como a posta en marcha de accións formativas, a creación dunha plataforma web onde se amosan ideas, perfís de oferta e demanda e un catálogo de ferramentas orientadas a aforrar custos ao emprendedor e optimizar os seus resultados empresariais; ou o lanzamento dunha aplicación propia dirixida a fomentar a conectividade e a participación.

PUBLICIDADE