A Deputación da Coruña adxudica por 2,5 millóns as obras do edificio de Coruña Estudio Inmersivo

xoves, 14 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de construción do edificio do escenario virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI) por un valor de 2.534.538,12 euros. As obras contan cun prazo de execución de 8 meses a partir do seu inicio, previsto para principios de 2024. O inicio das obras marcará o último paso para a posta en marcha do CEI, tras a adxudicación en agosto da tecnoloxía de vangarda do plató por 61, millóns.
A Deputación traballa para que Coruña Estudio Inmersivo (CEI) entre en funcionamento na Cidade das TIC a principios do outono de 2024. Neste senso, o presidente provincial, Valentín González, dixo que o proxecto "contará coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual para situar á provincia da Coruña como un polo de referencia neste eido, potenciando e mellorando a competitividade das empresas galegas do sector e atraendo a Galicia producións de cine, televisión ou videoxogos de toda Europa".
O edificio vaise construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da Cidade das TIC da Coruña dentro da que se levantarán dous edificios interconectados; un primeiro bloque situado na parte leste da parcela onde estará o estudio audiovisual virtual e un segundo bloque na parte oeste, de 36,7x32 metros, que dará servizo ao escenario. O sistema escollido para a súa execución é a través dun sistema prefabricado de estrutura en formigón, o que permitirá que os prazos para rematar a obra sexan máis reducidos, de 8 meses.
O edificio quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que “permitirá ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radon”, explicou o presidente, engadindo que “isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar”.
Como eixo desta infraestrutura crearase un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao escenario virtual, no que se disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e de peiteados, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.
Para a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado na zona sur, aproveitando o desnivel para “crear unha grada e un lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co patio”.
Para o deseño do edificio tamén se tiveron en conta criterios de sustentabilidade, explicou González Formoso, engadindo que as fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías e axude a atemperar o interior. Inclúese o uso de cubertas vexetais con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que permiten a recuperación de auga, “implementando así un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia”, salientou a Deputación, destacando o emprego de paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos edificios.
Unha vez completadas as obras do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran escenario de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.
O presidente provincial tamén salientou que a combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que contará o escenario virtual “deberán posibilitar aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real”. A tecnoloxía vén proporcionada por Telefónica.

PUBLICIDADE