A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para axudarnos nos trámites electrónicos

mércores, 15 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña, a través dun novo plan de capacitación e impulso tecnolóxico (a Estratexia Dixital da entidade provincial), habilitará oficinas de atención presencial para facilitar á cidadanía os seus trámites electrónicos coas administracións. As localidades da Coruña e Betanzos contarán cos primeiros puntos de atención piloto, que contarán con persoal cualificado en Administración Dixital. Estas e outras medidas da Estratexia Dixital foron presentadas este martes 14 de marzo polo presidente provincial Valentín González Formoso.
O obxectivo desta folla de ruta, dixo, “é que a Deputación siga liderando a transformación dixital na provincia, afondando na inclusión tecnolóxica e aproveitando as oportunidades que supoñen tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o Big Data ou os servizos na nube”
De feito, lembrou que “o último informe do Consello de Contas sitúa a entidade provincial coruñesa á vangarda na implantación da Administración Electrónica en Galicia”. E engadiu: “Esa posición de liderado non é casualidade, é froito de anos de traballo e dunha aposta clara e constante deste Goberno para que a administración dixital sexa unha realidade e chegue a todos os concellos e a toda a cidadanía da provincia".
Na presentación da estratexia, Valentín González Formoso, compareceu en rolda de prensa xunto ao deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, e os responsábeis técnicos do servizo para presentar a Estratexia Dixital. Segundo explicou o presidente, a folla de ruta baséase en catro eixes: a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto Concello Dixital, que xa chega a 80 entidades da administración local da provincia.
Formoso explicou que a Deputación leva investido máis de 16 millóns de euros nos últimos cinco anos para impulsar a eAdministración tanto na Deputación coma nos concellos coruñeses “co obxectivo fundamental de achegar a administración á cidadanía, facilitar calquera trámite e axilizar a tramitación de expedientes”. Este proceso, engadiu, supuxo “un importante aforro económico para a cidadanía, que a Deputación da Coruña estima en 50 millóns de euros”. O presidente sinalou tamén que, a través da Oficina do Dato, e no marco dunha estratexia europea, a Deputación traballa actualmente no aproveitamento das novas oportunidades que supoñen as tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o Big Data, a Internet das Cousas (IoT) ou os servizos na nube, que proporcionan "maior eficiencia, anticipación e axilidade na tramitación".
As oficinas
Formoso destacou que unha das liñas de acción da Estratexia Dixital da Deputación é “combater a fenda dixital para garantir que todo o mundo, incluíndo as persoas máis maiores ou as que carezan de coñecementos, recursos ou aparellos dixitais, poidan acceder en igualdade de condicións aos beneficios da Administración Electrónica”. Para fomentar a inclusión tecnolóxica, dixo, “abriremos puntos de atención presencial sen cita previa onde todas as persoas que o precisen podan acceder a calquera servizo dixital da administración pública co apoio de persoal cualificado”. Segundo engadiu, “non só porán o foco nos trámites relacionados coa Deputación da Coruña, senón nos de calquera outra administración", explicou Formoso, que avanzou que a idea do Goberno provincial é "replicar despois a iniciativa noutros concellos que así o demanden coa súa colaboración". Do mesmo xeito, a Deputación seguirá potenciando a formación en competencias dixitais da cidadanía e dos empregados públicos de tal forma que melloren a súa adaptación á nova sociedade dixital.
Ciberseguridade e infraestruturas dixitais
Valentín González Formoso destacou que outro dos retos da Administración provincial é a ciberseguridade. "A Deputación leva desde 2015 traballando na adecuación dos seus sistemas informáticos ao Esquema Nacional de Seguridade, que proporciona ao sector público un marco de acción común para facer fronte ás ciberameazas" e é, dixo, "unha das tres primeiras deputacións de España con catro sistemas certificados polo Centro Criptográfico Nacional". Ao fío do devandito, destacou que a Deputación conta co seu propio Plan de Ciberseguridade e cunha oficina técnica para apoiar os concellos neste eido e axudalos a conseguir a certificación dos seus sistemas no ENS, así como para seguir adecuando os sistemas da Deputación a este protocolo nacional.
Infraestruturas e Concello Dixital
Pola súa banda, o deputado Antonio Leira explicou que no eido das infraestruturas dixitais, a Deputación investiu preto de 2,6 millóns nos últimos anos en adquirir equipamentos e infraestruturas para mellorar a dixitalización dos concellos e da propia Deputación, creando “un ecosistema dixital resiliente e con capacidade para os novos servizos e canles dixitais”. Leira explicou tamén que a Deputación investiu máis de 12 millóns de euros para impulsar o plan Concello Dixital, a aposta do Goberno provincial para fomentar o uso da Administración Electrónica nos concellos, que suma xa 80 entidades locais adheridas.

PUBLICIDADE