A Deputación de Lugo capta preto de 4 millóns de euros de fondos europeos para avanzar en dixitalización

venres, 2 de xuño do 2023 S. P.

A Deputación de Lugo aprobou este venres 2 de xuño aceptar un investimento de preto de 4 millóns de euros de fondos europeos para avanzar na dixitalización da Administración local da provincia. Así o informou o deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa decisión de conceder á institución provincial 2,14 millóns de euros adicionais, aos 1,58 millóns de euros asignados inicialmente, para realizar proxectos orientados a “mellorar as infraestruturas dixitais e o equipamento electrónico”.
Segundo valorou o deputado, “trátase dunha noticia moi importante, entre outras cousas porque a Deputación de Lugo é a entidade local de todo o territorio nacional que recibe unha maior cantidade de axuda derivada dos remanentes dos fondos de Transformación Dixital e Modernización das Administracións Locais”. Uns fondos que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado e dos que a institución provincial recibe preto do 20%.
Explicou Rivera Capón que estes fondos “permitirán levar a cabo actuacións tan relevantes como integrar a Administración Electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permitan mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos”.
Rivera Capón sinalou tamén que estes proxectos “estarán baseados na adhesión e estudo das necesidades particulares de cada municipio”.

PUBLICIDADE