A Deputación achega á UNED 185.000 euros para renovación tecnolóxica da súa sede en Lugo

venres, 4 de setembro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo destinará 185.000 euros á renovación do equipamento tecnolóxico do Centro Asociado da Universidade de Educación a Distancia (UNED) en Lugo. Así o fixo saber a voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, quen comunicou a aprobación da licitación do contrato para o subministro de material informático e de novas tecnoloxías para o devandito centro.
Trátase dunha partida de equipamento integrado por computadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de vídeo-conferencia, que pasarán a ocupar diferentes estancias da UNED, como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Proceso de Datos (CPD) e a sala de AVIP, con vistas ao inicio do vindeiro curso universitario.
“Esta nova dotación”, explicou a entidade provincial, “axudará aos docentes a mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma telemática da Universidade de Educación a Distancia, como as emisións en directo e as gravacións das clases impartidas”.
García Porto engadiu en rolda de prensa que esta achega súmase a outra contía fornecida este ano pola Deputación por preto de 300.000 euros para “os gastos derivados do funcionamento do Centro Asociado da UNED en Lugo, como os de dirección e coordinación, administración e servizos, titorías, locais, edificios, instalacións e materiais, ou os desprazamentos de profesores para participar na dirección, xestión e docencia en seminarios e convivencias do centro”.
A voceira do Goberno provincial engadiu que estas contías certifican “o firme compromiso que mantemos dende a Deputación coa educación en xeral e coa UNED en Lugo en particular, pois foi esta institución a que financiou a construción da sede deste centro, que permitiu a implantación da Universidade a Distancia na cidade, deixando de ser a única capital de provincia en Galicia na que a UNED non tiña centro físico, así como a súa consolidación, pois a día de hoxe inclúe 22 ofertas de titulacións de grao”.

PUBLICIDADE