A Coruña presenta a súa propia Axenda Dixital

mércores, 6 de xuño do 2012 Redacción

Carlos Negreira esta mañá no Centro Ágora

Avanzando para converter A Coruña nunha Smart City a cidade herculina presentou hoxe unha Axenda Dixital de seu, que conta cun espazo na web no que figurarán os distintos proxectos da mesma e dende a que tamén é posible descargar a versión provisoria da Axenda en distintos formatos. O encargado de dar a coñecer esta iniciativa foi o alcalde Carlos Negreira, quen asegurou que será “unha panca de modernidade”, para o que pretenden contar coa colaboración de empresas locais e a Universidade.
Os proxectos da Axenda Dixital, especialmente Smart Coruña, están dentro dun Plan Estratéxico de Cidade: Coruña Futura.Estamos ante un compromiso do Goberno Municipal, coa implicación de todas as consellerías e as súas áreas dependentes, que se materializou nun conxunto de proxectos para desenvolver de xeito coordinado e abordar o complexo proceso de transformación requirido para avanzar cara a unha xestión e un desenvolvemento do que dan en chamar cidade intelixente.
Esta iniciativa pretende estar aberta a achegas por parte da sociedade, e para facilitar a comunicación estes proxectos contan con presenza nas principais plataformas sociais na Internet (Twitter, Facebook, LinkedIn, YouTube e Google+).

PUBLICIDADE