A Coruña faise co posto número 6 do Estado en canto a presenza nas redes sociais

venres, 10 de xuño do 2016 Redacción

O Concello da Coruña decidía apostar polas redes sociais e abría perfís en Facebook e Twitter o 10 de xullo de 2015. Dende entón, conta cunha presenza relevante entre os perfís locais ao achegar comunicacións oficiais de interese para a cidadanía. Este feito supuxo para o Goberno local coruñés facerse coa sexta posición dos municipios de todo o Estado con maior penetración nas redes sociais. Segundo un estudo recente asinado pola consultora de comunicación ACH Cambre, A Coruña sitúase entre os dez primeiros concellos que gozan de maior número de seguidoras e seguidores entre a súa poboación.
Na mostra, elaborada sobre datos obtidos tanto do Instituto Nacional de Estatística como dos propios perfís oficiais na rede de 50 capitais de provincia, o municipio obtivo un ratio de case o 60% entre o número de seareiros que ten nas redes sociais e que pertencen á poboación do termo municipal.
A xeito de curiosidade, dicir que as cidades que gozan de maior repercusión entre a súa veciñanza son: Barcelona, Girona e Lleida, cun índice superior ao 100% (ao ter un maior número de seguidores que de poboación), seguidas de Santander (78,4%), Segovia (69,1%) e A Coruña (59,2%). En Galicia o municipio coruñés sitúase á cabeza desta listaxe, por diante de Ourense (33%), Pontevedra (21%) e Lugo (14%).
Amais de contar con presenza en Facebook, Twitter ou Youtube, o Concello da Coruña tamén conta cunha canle oficial de Vimeo -rede que non forma parte do estudo- na que poden consultarse todos os vídeos institucionais, organizados por canles, das distintas concellerías e proxectos municipais. Entre elas atópase a canle Plenos, na que se poden reproducir todas as sesións plenarias -ordinarias e extraordinarias- celebradas desde o pasado 11 de xullo así como a propia investidura do alcalde, Xulio Ferreiro, todas elas retransmitidas desde a portada do portal municipal.
Entre os contidos que se atopan nestas redes sitúanse informacións sobre as decisións e propostas do executivo municipal, avisos de interese ou axenda municipal, así como a retransmisión ao vivo de eventos como as sesións plenarias ou os encontros ’’Dillo ti’’.
O estudo tamén conclúe que o rexedor coruñés se sitúa na sexta posición dos alcaldes e alcaldesas con maior repercusión nas redes sociais cun 11,5% de penetración entre a poboación.
A xeito de resumo, A Coruña é a única das catro localidades do Estado (xunto a Barcelona, Lleida e Toledo) na que tanto os perfís institucionais como os das e dos primeiros edís sitúanse entre os 10 primeiros postos do índice de penetración entre a poboación.

PUBLICIDADE