A Coruña estrea un directorio en liña de espazos e eventos culturais xeolocalizados

venres, 11 de decembro do 2009 Marcus Fernández

A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou Espazo Cultura Coruña, un directorio participativo e geolocalizado de todos os espazos e eventos de índole cultural presentes na cidade, integrado na web acorunacultura.org. A información móstrase de dúas maneiras: como unha listaxe tradicional e impresa sobre un mapa dinámico. Os datos están categorizados en diversas temáticas que fan máis sinxela a procura e o filtrado da información nas listaxes e no mapa: arte e exposicións, cine, museos, música e danza, talleres e conferencias, patrimonio cultural e asociacións culturais son unha mostra das categorías presentes nesta web.
A primeira gran novidade deste directorio é a georeferenciación dos espazos e actividades culturais. Fronte a unha tradicional listaxe, esta característica achega moito máis que a simple localización do espazo ou evento nas rúas da cidade:
Dunha simple ollada, o mapa achega unha visión global do panorama cultural coruñés. Os cidadáns poden así acceder gran cantidade de recursos culturais que teñen na súa contorna, como se distribúen polos barrios da cidade ou que categoría de recursos está máis presente nunha zona concreta. Tamén, dunha ollada, podemos saber que pasará na cidade na próxima semana ou nun día concreto.
Outra gran novidade é a participación. Sen ter coñecementos técnicos, en calquera momento e desde calquera lugar, calquera persoa responsable dunha organización de índole cultural da cidade poderá engadir ou manter actualizada a información deste directorio. A información pode estar ao día no mesmo momento grazas á colaboración da cidadanía e a Internet.
O Concello da Coruña organizará unha sesión formativa para todas as entidades culturais interesadas en utilizar este sistema para darse a coñecer e para informar sobre as súas actividades. Esta sesión terá lugar o vindeiro xoves 17 de decembro ás 19.00 horas no Quiosco Alfonso.

PUBLICIDADE