A Coruña e Vigo obteñen o apoio estatal para a creación de centros de capacitación dixital

xoves, 7 de setembro do 2023 S. P.

O Consistorio coruñes nunha foto de Javi SA para a Galipedia

Os Concellos da Coruña e Vigo veñen de obter subvencións para a creación de cadanseus centros de capacitación dixital municipal. A liña de axudas, convocada o pasado 24 de abril polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, ten como obxectivo a creación dunha rede estatal de espazos formativos que exerzan de fronte conxunta contra a fenda dixital.
510 axudas en todo o Estado
No marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, convocáronse un total de 510 axudas para entidades locais de toda España. O Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas á que lle foi concedida esta axuda, sendo a única cidade xunto con Vigo en obter os fondos para a creación do centro.
Coa concesión desta axuda, A Coruña e Vigo pasan a formar parte da rede estatal de Centros de Capacitación Dixital que teñen como meta “facilitar o acceso á formación dixital da cidadanía, especialmente dos colectivos con risco de exclusión tecnolóxica”.
O Concello da Coruña explicou que a través deste Centro de Capacitación Dixital o Goberno local ofertará formación en competencias dixitais transversais como transaccións e comunicacións seguras en liña ou uso de dispositivos electrónicos, así como outras formacións máis avanzadas en materia TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Así, o Concello reforzará a súa oferta de formación en novas ferramentas, logo do éxito nas catro edicións anteriores dos cursos en Big Data e a formación en ciberseguridade, comezará a impartirse o vindeiro 11 de setembro no Centro Municipal de Emprego dos Rosais.

PUBLICIDADE