A Coruña certifíciase como cidade argalleira coa nova edición da OSHWDem

venres, 7 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Coruña, novamente no Domus, a feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), unha quedada argalleira para xente de todas as idades e que quere servir (entre outras cousas) para facer comunidade arredor das tecnoloxías abertas mediante a exhibición interactiva e participativa de enxeños, inventos e propostas innovadoras. Unha vez máis o programa contará con demostracións de aparellos e programas open source, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e máis obradoiros e charlas sobre estas tecnoloxías.
O encontro vén da man da asociación Bricolabs, que leva desenvolvéndoo desde 2012. Segundo explican dende Bricolabs, a OSHWDem é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de maneira que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. A idea de Bricolabs é que os enxeños en exposición non deixen a ninguén indiferente ao tempo que cobren (no plano temático) calquera ámbito de actuación que se nos ocorra: novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das Cousas, electrónica, hardware, software, etc.
Amais do devandito, Bricolabs engade que “durante a feira celébranse competicións de robótica onde poderemos ver máquinas pelexando de forma autónoma, resolvendo complexos labirintos de tamaño real á velocidade da luz e competindo entre eles en carreiras incríbeis”.
En termos máis concretos, o programa de actividades inclúe cousas tan interesantes como un reto Clonewars ou (previamente) un obradoiro de construción do robot velocista Cyclops, que se celebra o 6 de outubro, tamén no Domus, e que xira arredor de Cyclops, o proxecto open source de Rubén Espino.
Cifras e fitos
Dende a súa posta en marcha, a feira deu acollida a máis de 8.000 asistentes e viñeron a expor os seus proxectos libres (ou colaborado) máis de 1.230 argalleiras e argalleiros da comunidade de hardware e software libre. A entrada é libre e de balde, para todos o públicos.

PUBLICIDADE