A Coruña bota man das TIC para ter informada á cidadanía do nivel de ocupación das praias

martes, 16 de xuño do 2020 S. P.

O Concello da Coruña vai empregar novas tecnoloxías para controlar o acceso ás praias e evitar aglomeracións. En concreto, tirará proveito dun software que achegará información da capacidade real de cada areal ao longo do día dependendo das mareas, subministrando en cada intre datos actualizados sobre o aforamento axeitado de cada espazo costeiro. Este programa, unido á rede de cámaras que están a ser habilitadas, permitirá coñecer en tempo real a ocupación de todo litoral, posibilitando tomar as medidas oportunas respecto da afluencia de bañistas. O Concello comezou este luns 15 de xuño a instalar os sistemas de control.
Esta medida forma parte do novo plan de seguridade e continxencia que o Concello activou para evitar aglomeracións nos areais e asegurar que as e os bañistas cumpren as medidas de seguridade e distancia social impostas por mor da COVID-19. O Goberno local confía en que o sistema tecnolóxico estea listo para cando as condicións climatolóxicas permitan achegarse aos areais, unha vez remate a influencia das baixas presións coa que comezamos esta terceira semana de xuño.
En termos máis concretos, a iniciativa consiste nuns “arcos de gran amplitude” que levan incorporados uns sensores de paso que contabilizan ás persoas que entran e saen das praias e que levan conectados un semáforo que sinaliza en tempo real a capacidade de cada espazo litoral de lecer: a cor verde indica que hai espazo suficiente, ámbar, que a capacidade comeza a completarse, e vermello que a capacidade está completa.
Instalaranse 14 puntos de control de accesos: 4 na praia de Riazor, 4 no Orzán, 2 en Matadoiro, 1 en As Lapas, 2 en Santo Amaro e 1 na praia de Oza.
A través destas tecnoloxías, o Concello informará en cada intre da capacidade das praias mediante uns paneis situados en distintos puntos da cidade e, tamén, dunha web de Medio Ambiente que se poderá consultar desde o móbil a través dunha ligazón ou dun código QR.

PUBLICIDADE