A Coruña aposta polo sector TIC local para combater a desigualdade e o desemprego

mércores, 26 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

Amais da Universidade da Coruña, a xornada sobre emprego e TIC da que informamos onte en Código Cero contou coa presenza activa do Concello, máis polo miúdo do alcalde Xulio Ferreiro, quen fixo un repaso pormenorizado polas principais conclusións de dous informes encargados pola Concellería de Emprego e Economía Social á UDC e á Fundación Mulleres sobre a situación de empregabilidade nos sectores das TIC e da loxística, así como sobre a igualdade entre homes e mulleres no sector. Este dous informes son Prospección de sectores xeradores de emprego na área metropolitana da Coruña: TIC e Loxística, realizado polo Observatorio Ocupacional da UDC, e Estudo sobre a situación da igualdade entre mulleres e homes no hipersector TIC, realizado pola Fundación Mulleres. Segundo o rexedor, estas investigacións axudarán ao Goberno local que preside a artellar medidas eficaces de creación de emprego. Ao mesmo tempo, achegarán recursos para combater a exclusión social e laboral.
No transcurso da súa intervención, lembrou que no estudo da UDC analizáronse 600 empresas da contorna e que entre as súas principais conclusións atópase o de ter constatado que case un terzo das empresas TIC están a demandar novas e novos traballadoras/es, mentres que no sector da Loxística fano un 23%. Outra das conclusións ten que ver coa previsión futura: a medio prazo o 57% das empresas TIC e o 48% das loxísticas precisarán nova man de obra. Polo que respecta ao informe da Fundación Mulleres, sinálase nel que a día de hoxe apenas existe presenza feminina traballando no sector das TIC, “feito ademais vencellado á escasa presenza das mozas nas titulacións relacionadas con estas materias”, lembrou Ferreiro, facendo referencia a estudos recentes como por exemplo o presentado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática acerca da cuestión da fenda de xénero dixital nos ámbitos académicos e da necesidade de invertermos entre todos esta situación.
O rexedor tamén recordou que dende Coruña Emprega estase a traballar xa contra estas situacións locais de desigualdade, e froito deste labor foi o achado (constatado definitivamente polos devanditos informes) de importantes oportunidades a prol da paridade, da non exclusión e do fomento do emprego nos requirimentos presentes e vindeiros dos tecidos TIC e loxístico. “Queremos sacar beneficio das necesidades de man de obra de moitas firmas tecnolóxicas", salientou o primeiro edil, que tamén puxo de manifesto as políticas transversais aplicadas polo Goberno local: “Dende que chegamos ao Pazo de María Pita levamos a cabo diversas accións, especialmente coa mocidade, nos que intentamos deixar claro que a masculinización ou a feminización dos sectores profesionais só provoca desigualdades”.

PUBLICIDADE