A Coruña acolle os vindeiros días a terceira edición da Mostra de Ciencia e Cinema

xoves, 21 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Outono, en moitos planos de realidade, tamén significa ciencia. En certa maneira, é case lóxico que logo das moitas edicións da Semana da Ciencia, sempre por estas datas, acabemos identificando unha cousa con outra. E máis aínda se os organizadores das diversas actividades de divulgación que se desenvolven seguen coa teima de buscar o lado máis social e humano da investigación, incrementando así as posibilidades de que o divulgado cale fondo. Nesta liña de unir ciencia con outras cousas sitúase a Mostra de Ciencia e Cinema que se desenvolve a vindeira semana, do 25 ao 30 de outubro na Coruña. O ciclo, desenvolvido pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, inclúe unha sección oficial con de 17 filmes procedentes de todo o mundo, todas elas co fondo común do tecnolóxico-científico-docente como eixe temático en calquera das súas moitas manifestacións.
As películas aspirarán no certame ao Gran Premio da Mostra de Ciencia e Cinema (que será elixido por un xurado de profesionais) e ao Premio da Mocidade, no que participan achegando as súas valoracións estudantes de secundaria e máis de bacharelato.
Os fallos celebraranse o sábado 30, último día da mostra. Por certo que está contará en labores de organización co blogueiro Martin Pawley, quen salientou estes días perante Xornal.com a gran variedade (de temas, formatos e feituras) desta terceira edición da mostra. Amais da sección oficial, o certame inclúe (entre outras actividades) o ciclo Sense and Sensibilia: Obras selectas do Film Study Center e o Sensory Ethnographic Lab de Harvard. Trátase dunha escolma de material producido polos antropólogos e artistas asociados co Film Study Center e o Sensory Ethnography Lab da Universidade de Harvard.
Polo que respecta ao exclusivamente tecnolóxico-dixital, que é o ámbito que máis nos ocupa en Código Cero, sinalar que algunha das películas a proxectar toda de cheo este eixe temático. Un interesante exemplo disto, para todas aquelas persoas que algunha vez na súa vida fozaron nun computaror, é a mediometraxe Dear Steve, un filme de Herman Asselberghs que amosa a desmontaxe suave e desapiadada dun Macbook-Pro do trinque (na imaxe) e o acto de esculcarlle as tripas a esta ferramenta de traballo dixital.

PUBLICIDADE