A Coruña acolle o día 23 a presentación de 21 proxectos audiovisuais galegos ante profesionais de todo o Estado

xoves, 15 de novembro do 2012 Redacción

O centro Ágora de A Coruña, sede da actividade do CLAG

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) celebrará a sétima edición da xornada de traballo I+P, Ideas para producir o vindeiro 23 de novembro no Edificio Ágora de A Coruña, marco elixido para dar conta, en todo detalle, dun total de 21 proxectos audiovisuais de creadoras/es da nosa terra, que serán presentados polas produtoras ou ben polos seus responsábeis a título particular. Na outra beira da actividade, unhas 30 canles de televisión estatais e autonómicas (públicas e privadas), axentes de distribuidoras e produtores executivos xuntaranse na xornada do CLAG para informarse dos proxectos audiovisuais galegos. De feito, o encontro está pensado para favorecer a distribución, a compra ou a co-produción das nosas achegas.
O CLAG organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas one to one en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de A Coruña. Tamén colaboran as empresas Music Library, Martín Codax, LAG (Localizacións Audiovisuais de Galicia) e o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA).
O encontro será inaugurado polo presidente do cluster, Andrés Barbé, e máis polo director de Galicia@World do IGAPE, Alfredo Castro. A continuación, e xusto antes da sesión de presentación dos proxectos, celebrarase unha mesa redonda, Beneficios de rodar nas cidades, na que participan Carlos Rosado, presidente da Spain Film Commision, e Piluca Querol, directora da Andalucía Film Commision. Pola tarde, terán lugar os encontros one to one entre os responsables dos proxectos presentados e os potenciais compradores.
Na xornada anterior, o xoves día 22, os responsables de canles de televisións, axentes de distribuidoras e produtores executivos participarán na xira A Coruña Cinematográfica, actividade que busca salientar os beneficios que reportan as rodaxes nas cidades e as posibles estratexias de promoción e explotación existentes, como pode ser o turismo cinematográfico. A continuación, asistirán no Teatro Colón de A Coruña á premiere do filme Invasor, dirixido por Daniel Calparsoro, e producido por Vaca Films e Morena Films.

PUBLICIDADE