A Coruña acolle este xoves unha reunión da cúpula directiva de HP

mércores, 24 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

José Antonio de Paz, máximo responsable de Hewlett-Packard para a Península, un dos participantes da reunión de mañá.

Hewlett-Packard ten no punto de mira ao noso país e as súas posibilidades de medre, tanto en cuestión de mercado tecnolóxico (e non tecnolóxico) como de procura de socios e alianzas. Para que non fique dúbida ao respecto sobre o interese xerado por Galiza, a multinacional (informan fontes de HP) reúne este xoves 26 na súa sede da Coruña a toda a cúpula directiva da súa división Iberia (España e Portugal). Entre os obxectivos principais desta reuníón extraordinaria do Comité de Dirección atópanse os seguintes: facer reconto da situación actual da compañía (sobre todo no que lle atinxe ás ditas áreas xeográficas de actividade), e sentar os alicerces da súa estratexia de negocio para os vindeiros meses.
A firma HP, un dos grandes xigantes da produción tecnolóxica do mundo, xa ten emitido previamente sinais do seu vínculo cada vez máis firme coa nosa terra, como por exemplo a través da súa colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (materializada en proxectos comúns para o desenvolvemento de novas ferramentas) ou do seu compromiso coa difusión do supercomputador Finis Terrae, do que a propia tecnoloxía de HP é en boa medida responsable.

PUBLICIDADE