A Coruña acolle este venres o V Concerto das Telecomunicacións

xoves, 31 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións (COETG) segue adiante cos seus actos de celebración ligados ao 17 de maio, como recordaremos, Día Mundial das Telecomunicacións, Día de Internet e, a maiores, Día das Letras Galegas. Pois ben, logo da xornada convocada cos centros de ensino dende o CESGA para reivindicar o papel da muller nas novas tecnoloxías (entre outras actividades máis), o COETG celebra este venres 1 de xuño, ás 20.30 horas, a quinta edición do Concerto das Telecomunicacións.
A cita será ás 20.30 horas no Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta s/n) e, como dixemos, insírese dentro das celebracións do Día Mundial das Telecomunicacións. Executada pola agrupación de música de cámara Trío Klásico, a gala prevé reunir a preto de 150 persoas, entre enxeñeiros de Telecomunicación, representantes da industria TIC galega e demais autoridades municipais e autonómicas. O programa inclúe obras de Telemann (Duo No 7), Glier (Huit Morseaux Op. 39) e Mendelssohn (Grand Trio Op. 49).

PUBLICIDADE