A Coruña achega ás persoas emprendedoras ao potencial das redes sociais para facer mercado

luns, 7 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

As redes sociais non son só ferramentas para a comunicación, o coñecemento e o lecer, son tamén enerxía extra para os nosos currículos e para os nosos proxectos de mercado. En base a isto, a vontade de fortalecer a formación de profesionais e emprendedores, o Concello da Coruña está a ofertar novos cursos sobre redes sociais. O programa vén da man da área de Emprego, a concellería que dirixe Alberto Lema. Achéganse dous niveis diferenciados de formación: básico e avanzado. Os obradoiros impártense este mes de maio.
As actividades previstas teñen como finalidade “dar a coñecer os principais recursos dispoñíbeis para potenciar a visibilidade, presenza e reputación en liña, e para así poder acadar mellores resultados comerciais”.
A área que dirixe Alberto Lema ofertará dous niveis de talleres, cuxas aulas impartiranse no Centro Municipal de Emprego dos Rosais. O nivel básico, entre o 21 e o 25 de maio, en horario de 09.30 a 13.30 horas, afondará en cuestións como a identidade dixital, as principais plataformas e aplicacións e dará a coñecer as principais ferramentas para a xestión de contas e seguimento da reputación en liña.
Pola súa banda, o nivel avanzado, que se impartirá do 28 a 31 de maio (en horario de 09.30 a 13.30 horas de luns a mércores, e de 10.00 a 13.00 horas o xoves) estudará “as posibilidades de Internet como canle de venda”, de xeito que abordará cuestións como as relacións comerciais en Internet, o deseño comercial de páxinas web, a creación de tendas virtuais e implantación de pasarelas de pago.
Para participar, pódese formalizar a preinscrición a través do teléfono 981 184 399 ou da páxina web municipal http://www.coruna.gal/papagaio/es/formacion

PUBLICIDADE