A Coruña Smart City amosa o seu funcionamento e oportunidades ante a mocidade da USC

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

O Concello da Coruña vén de informar que o vindeiro xoves 15 de maio, o equipo de Coruña Smart City amosará o proxecto perante a mocidade universitaria de Santiago. O lugar do encontro é o salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela, de 12.00 a 14.00 horas. A xornada informativa servirá para contar todos os detalles tecnolóxicos dunha iniciativa que, como dixemos hai uns días dende Código Cero, semella estar pasando xa ao terreo dos feitos. De feito, iniciáronse xa as probas de conexión entre os sensores da cidade e a plataforma urbana. Lembremos que o proxecto vén da man do Goberno local e un consorcio integrado por R, Indra, Altia e Iiux.
Volvendo á xornada, dicir que está dirixida a mozos universitarios e emprendedores, interesados no funcionamento tecnolóxico da plataforma de Coruña Smart City, así como nas oportunidades de desenvolvemento que esta ofrece. Abrirá cunha presentación global sobre Coruña Smart City e os proxectos piloto asociados. Posteriormente, haberá unha charla máis detallada sobre a arquitectura da plataforma e as tecnoloxías asociadas como Big Data, Open Data, visualización avanzada 3D, Intelixencia nos Negocios, etc. Tamén se falará de como experimentar coa plataforma e das oportunidades de desenvolvemento que fornece. Para finalizar a xornada, daranse detalles sobre o evento Smart Weekend, que consiste nun fin de semana tecnolóxico de lecer e desenvolvemento, que se celebrará na Coruña os días 6, 7 e 8 de xuño, con 500 postos de rede e unha conexión de alta velocidade por cortesía de R, no que haberán distintas actividades como son a smart_Lan, un formato habitual de lan party; smart_Dev. un concurso de retos expostos por empresas para que os desenvolvedores deseñen solucións durante a fin de semana; e smart_Ideas, un concurso de ideas e proxectos para unha cidade máis intelixente.
Segundo lembran fontes do Concello, o proxecto Coruña Smart City nace en xullo de 2011 mediante a sinatura dun convenio entre o Goberno local o Ministerio de Economía e Competitividade. Conta cun importe global de 11,5 millóns de euros e está cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). “Desde a súa posta en marcha”, informa o Concello, “o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración, por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; o premio Contratos e Proxectos Smart City 2014 na categoría Xestión Integrada, convocado pola Fundación Socinfo e a revista Sociedade da Información; ou ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards.

PUBLICIDADE